As horas rotas, de Chelo S. Muíños

As horas rotas

Chelo Suárez Muíños

Sotelo Blanco, Compostela, 2010, 138 páxs., 14 €

 

Non me ocupei nunca por escrito da obra literaria, nomeadamente narrativa, de Chelo S. Muíños e, xaora, non porque non o merecese. A serodia, pero intensa, incorporación desta autora ao noso sistema literario deu xa cumpridos froitos como testemuñan Flor de xiz (2003), ao que se engadiron A Venus de cristal (2008) e mais Os milagres de Cristamar (2008). Retorna agora á primeira liña da actualidade literaria cun volume galardoado no premio de narrativa curta Lueiro Rey e faino cunha proposta que me parece fiel aos principios estéticos da autora, isto é, aunar na ficción referentes de filiación realista con elementos tirados do imaxinario marabilloso; todo isto da man dunha tonalidade lírica o que lle outorga unha singular aparencia a este As horas rotas.

 Asumido este verniz case poético presente en tantas páxinas, que xustifica ás veces unha talvez excesiva formalización no desenvolvemento dalgúns diálogos,  a novela volve os ollos ás funestas consecuencias da guerra civil entre nós a través, basicamente, das evocacións que un personaxe realiza da súa infancia, esgazada polo conflito e que determinou toda a súa vida e a dos outros personaxes que a rodean. Mesturada esta voz narrativa con outras paralelas vaise construíndo devagar un texto moi rico en matices e articulado com convicción baixo a idea de remoer os rescaldos da infancia: un paraíso que inevitablemente se quere recuperar e que estaba, na distancia, emprazado nunha aldea galega rodeada do bosque de Taboira, lugar que acolle o devalar de dous adolescentes e as súas familias que nunca poden ser alleas á historia que eles contribúen a dar vida. Ese paraíso non deixa de selo mesmo nos máis duros das súas existencias, sen deixar nunca de ter a vista depositada na crueldade daqueles tempos que trouxo como consecuencias “nenos perdidos, familias desarticuladas, hospitais de sangre”.

Chelo Suárez Muíños

Neste sentido, a proposta de Chelo S. Muíños tampouco non evita a descrición do rodopío de vinganzas e mortes, afonda nos resortes do poder e mais no proceso opresivo que senten algúns personaxes e contra o que reaccionan, en ocasións, violentamente; sen tampouco esquecer, como contraste, que mesmo en situacións extremas pode haber lugar para a felicidade.

As horas rotas, que conclúe cun poema de Miguel Mato Fondo que semella escrito ad hoc para esta novela, exhibe, quen o dubida, unha reflexión sobre ilusións truncadas, sobre a sombra do infortunio que se abateu por riba de tantas persoas, sobre a impunidade coa que moitas outras actuaron e faino coa aparente sinxeleza coa que unha fraga pode expresarse a través das palabras: só cómpre saber oíla. É esta, evidentemente, unha historia sobre a guerra civil, mais o tratamento que a autora lle deu fai que sexa diferente.

 

Publicado baixo o titulo “A dor da guerra” no suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 12 de febreiro de 2011.