Cunqueiro e Lugo, Lugo e Cunqueiro

Álvaro Cunqueiro

Viaje a Lugo

Alvarellos Editora, Compostela, 2011, 200 páxs., 18 € (Edición de María Xesús Nogueira)

 

Cando aínda non se dispón dunha edición sistematizada da abondosa obra literaria de Álvaro Cunqueiro, aínda menos da súa produción xornalística dispersa pendente dunha urxente catalogación, ben está poder achegarnos a aqueles volumes que a compilan parcialmente. Un traballo, especialmente feliz, é este que dá a coñecer Alvarellos Editora orbitando arredor da presenza, ou da evocación, que a cidade de Lugo suscitou en diversas ocasións no mindoniense.

A edición, que recolle na lingua orixinal as propostas cunqueirianas, vén esplendidamente introducida e anotada por unha das mellores especialistas no autor de Merlín e familia como é a profesora María Xesús Nogueira, articulando un discurso introdutorio rigoroso e medido que se converte, ademais, nunha magnífica invitación para ler ese conxunto de vinte e catro prosas rescatadas -algunhas coñecidas para o especialista, outras non tanto como, por exemplo, o discurso de apertura do Bimilenario que Cunqueiro pronunciara no ano 1975- entre as que circulan Fole, Esquío, Luís Pimentel ou o mapa de Fontán, entre moitas outras.

Por este percorrido lucense, primeira das achegas neste ano do centenario do nacemento de Cunqueiro, só cómpre deixarse levar polo seu modélico ritmo e extraordinario engado, o que non é pouco.

1 Comment

Os comentarios están pechados.