Grial 188
Víctor F. Freixanes / Henrique Monteagudo (dirs.)
Galaxia, Vigo, 140 páxs., 12 €
Todo un acerto, ao meu ver, nuclear esta última entrega da histórica Grial na figura e, sobre todo, na obra de Xohana Torres. Talvez poucas escritoras foron e son tan referenciadas no mapa poético galego contemporáneo coma ela e, se cadra, a proxección da súa obra non sexa a que en xustiza lle correspondería.
Así pois, coa intención de fomentar a necesaria revisión e valoración das súas achegas literarias, Grial acolle un monográfico coordinado pola profesora Dolores Vilavedra que dá a coñecer diversos asedios críticos sobre moi diversas facetas creativas da autora de Estacións ao mar, subscritos por Helena González, Olga Novo, Iolanda Ogando e Montse Pena, todos eles de lectura obrigada.
Fóra destas páxinas non falta a imprescindible evocación de quen tanto tivo que ver coa propia revista como foi Francisco Fernández del Riego ou unha interesante entrevista co lingüista brasileiro Dante Lucchesi. Por último, alén das seccións habituais, saliento un pequeno ensaio titulado “Por un proxecto de futuro para o idioma galego” subscrito por Henrique Monteagudo -a disposición en pdf na web de Galaxia- e as interesantes colaboracións de xorne máis literario que veñen da man, nesta ocasión, de Román Raña e Iván García Campos.