Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Conversa ultramarina, de Lois Pereiro

Conversa ultramarina

Lois Pereiro

Positivas, Compostela, 118 páxs., 15 €  (edición de Hugo Martínez)

 

Entre os papeis rescatados de Lois Pereiro deuse a coñecer, hai poucas datas, un volume que, como todos os rescates, posúe unha intrahistoria peculiar. O texto escribiuse entre marzo e xuño de 1995 e concibiuse como unha proposta confesional, alimentada por unha evidente pluralidade de contidos, baixo a forma dunha longa epístola, articulada en dúas quendas e sendo máis reflexiva a segunda, pois os textos enviáronse a Piedad R. Cabo, destinataria última destas reflexións e quen os conservaba até o de agora.

Ao meu ver a decisión de incorporar estes textos, nun principio de carácter privativo, ao acervo da bibliografía de Pereiro, é un evidente acerto pois ilumina non poucos aspectos, se se quere complementarios pero sempre importantes, tanto do seu legado literario como, en menor medida, dos seus socalcos biográficos.  E tamén dá no albo, cómpre dicilo, o labor como editor textual levado a cabo por Hugo Martínez: discreto e respectuoso co orixinal conservado.

Conversa ultramarina ultima unha vontade para o que talvez puido ser ideada pois resulta palpable a súa sólida unidade conceptual e nela déixase entrever certa intención autorial de que o mangado de textos puidesen publicarse. Agora, distancia e tempo polo medio, o pequeno prólogo de Piedad Cabo pecha un círculo trazado sobre a fronteira visible entre  vida e morte, ollando tamén para o amor, a dor e a amizade como elementos fulcrais que Pereiro recrea aquí.

Lois Pereiro

A xeito de desinhibida treboada de ideas, pensamentos e confesións delúvanse estados de ánimo e brilla, con máis fulgor se couber, a prosa de Pereiro da que se coñecían até agora só escasas mostras. A ollada irónica, a asunción de postulados libertarios e revolucionarios e o enorme peso da literatura entendida como vida,  escóanse por esas portas que se van abrindo e enxálzanse tamén como factores a ter moi en conta para entender o periplo creador do monfortino. O seu propio e intransferible universo de referencias abrollan aquí e acolá: a carón das musicais, moi abondosas, son moi recorrentes as literarias –sempre Shakespeare, Handke, Joyce ou Bernhard entre moitos outros- de mans dadas coa vontade de aferrarse á vida procurando con teimosía outra perspectiva para observar o mundo coa palabra. Un mundo cruzado polos afectos, viaxes, encontros, golpes, proxectos, caídas, confidencias, esperanzas, naufraxios, ausencias, dúbidas e emocións.

As páxinas de Pereiro espellan, motivadas por esa ausencia que todo o modifica, un tránsito, un pasar que agora queda retido e que vibra arestora cheo de vida. Sendo consciente diso escribiu un día de maio do noventa e cinco sobre a necesidade de coñecer o tempo que tiña por diante para calcular as páxinas dun testamento no que deixar a alma e súa “póstuma furia amorosa e literaria” ante o mundo. Non hai mellor definición deste libro imprescidible, que tantas veces estremece, para este ano Pereiro.

 

Baixo o título de <<Espello dun tránsito que queda>> este texto publicouse nas páxinas do suplemento <<Culturas>> de La Voz de Galicia, o 19 de febreiro de 2011.

Advertisements

Información

Esta entrada foi publicada o 20 Febreiro 2011 por en Día das Letras,Ensaio , , , , .

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: