Novidades K

Fóra de dous magníficos libros que Kalandraka preparou e editou, primorosamente, para o MuVIM (Museu Valencià de la Il-lustració i de la Modernitat),  titulados Kipling ilustrado e Miguel Calatayud. Ilustraciones 1970-2010, ambos os dous excepcionais catálogos para senllas exposicións que acolle o devandito museo: unha nucleada arredor do labor levado a cabo durante corenta anos polo debuxante e ilustrador alacantino e outra motivada pola figura Kipling, incorporando deste xeito sete relatos do autor  ilustrados por un grupo de artistas plásticos de primeira liña como son Ajubel, Pablo Amargo, Isidro Ferrer, Pep Montserrat, Pablo Auladell, Paco Giménez e Arnal Ballester,  introducidos por rigorosas achegas que veñen do director do  museo, Javier Varela;  da comisaria da mostra, Lola Pascual, e mais da profesora da universidade de Barcelona Teresa Durán.

Non se desatenden os primeiros lectores de xeito que se ofrecen dúas traducións ao galego de Elzbieta, a cargo de Sandra Hombreiro e  tituladas respectivamente Onde van os bebés? e mais Pequena lúa, textos que foron orixinalmente publicados en Éditions du Rouergue. Nelas advírtese esa especial conxunción un tanto máxica entre a sinxeleza expresiva que non perde certo arrecendo lírico e unha moi definida liña emocional e evocativa, sen esquecer a clara estrutura iterativa e a reflexión sobre a necesidade da comunicación no segundo título, contando ambos os dous cunhas ilustracións alimentadas por perfís esquemáticos en fondos cálidos pero ben definidos e operativos para os máis pequenos.

Por último, nun formato máis grande, Pat Hutchins, en tradución de Silvia Pérez Tato, ofrece O paseo de Rosalía, que foi considerado libro destacado pola Asociación de Bibliotecarios de América en 1968. Un relato fortemente visual, cun discurso minimalista cheo de ironía e humor, que fai pensar no bo que é ter sempre a sorte como aliada, mesmo en casos de serio perigo cando un raposo un pouco parvo semella estar sempre ao asexo.