Xosé María Álvarez Blázquez no Boletín da RAG

Xosé L. Axeitos e Xosé R. Barreiro (coords.)

Xosé María Álvarez Blázquez. Boletín da Real Academia Galega, nº 369, ano 2008.

RAG-Fundación Rodríguez Iglesias-Hércules de Ediciones, A Coruña, 2010, 304 páxs.

 

Cadrando coa celebración do Congreso Uxío Novoneyra chégame un exemplar da última entrega do Boletín da Real Academia Galega, a correspondente ao ano 2008,  que nesta ocasión está case enteiramente centrada na figura de Xosé María Álvarez Blázquez, quen como é sabido protagonizou o Día das Letras Galegas daquel ano, recollendo así as conferencias e mais os relatorios defendidos no Congreso celebrado en Tui en decembro de 2008, dedicado a abordar, desde a investigación,  a ampla polifacecia intelectual do polígrafo tudense.

A segunda parte do monográfico complétase coas alocucións pronunciadas por tres académicos -Darío X. Cabana, Víctor F. Freixanes e X.L. Méndez Ferrín- no acto de homenaxe celebrado na cidade de Vigo o 17 de maio daquel ano.

Unha publicación, ao meu ver, que redimensiona como non podía ser doutro xeito a figura de Xosé María Álvarez Blázquez, subliñando o inestimable papel que desenvolveu en distintos ámbitos creativos e culturais ao longo da súa vida.