Novidades en Trifolium

A editorial Trifolium conta xa cun catálogo que cada día vai asentándose  e gañando presenza no panorama das pequenas editoriais. Especializada, no que ás propostas en galego se refire, en ensaios -os máis deles ofrecidos en coidadas traducións- de asunto ou temática propia e, nos últimos tempos, en textos creativos en prosa, quer traducións quer orixinais escritos orixinalmente na nosa lingua, pon en circulación estes días tres novidades que non están, en absoluto, exentas de interese.

Na colección “Fume de leña”, así pois,  publícase Impresións dunha viaxe por Galicia en 1935, de Federica Montseny, en tradución de Enrique Sánchez e introducida polo historiador Eliseo Fernández. Unha meritoria e case afirmaría que sorprendente recuperación  destes textos da políticia anarquista catalá que, orixinalmente, publicou por entregas en “La Revista Blanca” e que, alén doutros elementos de interese como son ese exercicio afortunado mediante o que espella o movemento libertario na Galicia de entón, deita unha ollada que se sitúa a cabalo entre a descrición paisaxística e aquela máis abeirada ao sociolóxico. 

Federica Montseny

Por outro lado, a colección “Litterae” acolle, en primeiro lugar,  Cabalos do demo e outros invertebrados, un conxunto de cinco relatos do escritor lucense Isidro Novo, o primeiro deles premiado no galardón Manuel Murguía no ano 1995 e os outros catro procedentes de diversos proxectos e encargos; en segundo lugar, ve a luz a tradución, a cargo de Mª Fe González, de Benquerido Diego, abrázate Quiela: un conxunto de marabillosas cartas recreadas por Elena Poniatowska que escribe Angelina Beloff, unha exiliada rusa, Diego Rivera, quen foi parella súa e a quen non puido seguir ao seu regreso a México.

Parabéns, pois, por estas tres propostas nas que, con máis vagar, cumprirá afondar.