Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Fundación Libélula, de Yashmina Shawki

Yashmina Shawki

Fundación Libélula

Xerais,  Vigo, 2011, 96 pp., 14,50 €

 

Comeza esta proposta de Yashmina Shawki cunha avogada preparando as alegacións finais dun caso que ten practicamente perdido e evocando un grupo de mulleres que se cruzaron na súa vida, cos seus particulares problemas. O lector despistado pode prever unha trama xurídica á que tantas series televisivas norteamericanas, con capítulos procedementais e conclusivos en si mesmos, nos teñen afeito: léase “Boston Legal”, “The Good Wife” ou “The defenders”. Con todo nada que ver, porque esta autora de orixe galega e kurdo-iraquí opta por nos introducir, da man dese personaxe antes amentado, nunha trama no que o substancial resulta asistir ao proceso, duro proceso nas máis das ocasións, a través do cal un grupo de mulleres, con graves e por veces estremecedoras situacións persoais, van levando a cabo ata acadar certo estadio de normalidade nas súas vidas, algo que só conseguirán mercé ese “pequeno empurrón” que a avogada María Xosé Muradas é quen de ofrecerlles unha a unha articulándose para este efecto unha estrutura composta por círculos que se van estendendo coma se fosen arañeiras superpostas e cruzadas entre si para salientar esas situacións extremas polas que teñen que camiñar, case sempre en soidade, no gume dunha navalla aceirada para elas que simboliza a vida cotiá.

Shawki, así pois, coa probable intención de ofrecer unha proposta novelada arredor da dor e do sufrimento que vehiculizan unha moza secuestrada e obrigada á prostituírse por proxenetas, unha muller que soporta duras cargas familiares ou unha adolescente cargada de responsabilidades no medio dunha familia desestruturada, faino de xeito hiperrealista, se cadra con certa simplicidade e achegándose en ocasións ao ámbito do melodramático pero conseguindo alertar as conciencias dos lectores ao manexar no seu xusto límite as emocións que estas situacións poden producir no lector; mágoa, a pesar de todo, do que a novela gañaría de outorgarlle unha maior intensidade e profundidade a algúns personaxes ou, mesmo, de reducirse certa palpable tendencia a reducir todo, ou case todo, ao branco ou negro.

O máis determinante deste libro, ao meu ver, talvez o constitúa ese debullar explicitamente eses estados de discriminación, alleamento, inxustizas, desamparo e desesperación, insatisfacción e frustración, auténticos infernos por veces ocasionados polo estupro, as adiccións, a violencia machista ou por outros exercicios indiscriminados e execrables do poder. As mulleres sofren aquí diante dun cartel onde campea, unha e outra vez, a mensaxe de “no future” até que, nun determinado momento, son quen de dar un golpe na mesa, liberar fantasmas e, axudadas por un exercicio de solidariedade cargado de afectos, procuraren unha raiola de esperanza que sinale o camiño a seguir, tamén patentizado nesa Fundación Libélula que a avogada quere erixir como un fermoso legado particular.

 

Publicado nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 26 de febreiro de 2011, baixo o título d´”O pequeno empurrón”.

Advertisements

Un comentario en “Fundación Libélula, de Yashmina Shawki

  1. Pingback: Crítica de Ramón Nicolás sobre «Fundación Libélula», de Yashmina Shawki | Xerais

  2. Pingback: Manuscritos: Yashmina Shawki | Caderno da crítica

Os comentarios están pechados.

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: