Novidades en Laiovento, sobre Carvalho Calero (I)

Continúa a súa andaina Edicións Laiovento, unha editora que, en moitas ocasións, aposta por libros que non contan nin con moita visibilidade nin tampouco cun amplo espectro de lectoras e lectores, ofrecendo propostas de xéneros pouco transitados como o da dramaturxia ou  o do ensaio literario e  historiográfico.

Nesta primeira entrega dou conta de dúas achegas ensaísticas de interese tanto para quen queira dirixir a ollada á figura e mais á obra de Ricardo Carvalho Calero -de quen se celebrou o ano pasado o centenario do seu nacemento, propostas nas que descansa unha vontade de “reparación” dunha figura certamente escurecida e que paira nun ostracismo contra o que se debe reaccionar pois Carvalho, sen dúbida, é de todos. As primeira das publicacións subscríbea o  profesor e investigador Manuel Castelao e resultou galardoada co “Premio de ensaio Ricardo Carvalho Calero” organizado polo Concello de Ferrol; ve a luz baixo o título de Elucidacións na sombra (262 pp., 17 €) e nela ofrécese un estimulante e suxestivo traballo que repara na relevancia da obra teatral de Carvalho -cifrada na análise das pezas teatrais A sombra de Orfeu e o Auto do prisioneiro- coa intención depositada na necesaria recuperación e actualización do seu labor dramatúrxico orientada ás potencialidades prácticas -históricas e literarias- que este encerra.

 Por outro lado é María Pilar García Negro quen se responsabiliza da edición dun abondoso corpus de textos de Carvalho no título Ricardo Carvalho Calero: a ciencia ao servizo da nación (256 pp., 17 €); unha recolla, así pois, de case cincuenta textos, entre artigos e conferencias, que datan desde o período republicano até os anos oitenta do pasado século. Algúns deles teñen aparecido en libros do profesor ferrolán e resultan máis coñecidos mais outros non tanto; con todos, uns e outros proxectan globalmente moitas das claves do seu pensamento e do seu inmenso labor intelectual como ben se encarga a editora nun imprescindible limiar.