Novidades Linteo: Tanneke e poesía inédita de J. R. Jiménez

A ourensá Ediciones Linteo vén amosando un labor, desenvolto desde o ano 1998, caracterizado polo extremo coidado depositado tanto na escolla dos títulos a editar como no propio proceso de edición técnica, algo doadamente palpable no resultado final dos libros que se poñen en circulación. Ao fío desa liña editorial, que obedece á excelencia do produto e allea a outras continxencias,  centrada basicamente na narrativa, poesía ou mesmo no libro artístico nun sentido amplo, ofrece nas últimas datas dúas mostras das que quero dar conta aquí.

A primeira trátase dun álbum ilustrado, xénero no que a editorial non realiza xa a súa primeira incursión, titulado Tanneke, a princesa das bruxas de An Leysen, que chega en tradución de Manuel Ramos, asemade director da editorial. Unha proposta que xoga con elementos tradicionais do universo dos relatos infantís -princesas e bruxas- mais operando, en aparencia, unha inversión de valores e roles asignados. O relato,  editado requintadamente, incorpora un discurso narrativo sinxelo e conciso, acompañado por outra parte de expresivas e acaídas ilustracións que xogan tamén con debuxos de filiación infantil.

Manuscrito corrixido por JRJ para o seu libro

Ao tempo, non quero deixar de referirme a un rescate que a editora leva a cabo cun escritor de recoñecemento universal como foi Juan Ramón Jiménez. Linteo, a través dunha edición crítica, con introdución e notas de José A. Expósito ofrece Arte menor, un libro datado orixinalmente de 1909 e que sufriu algúns intentos de publicación que resultaron infructuosos. As composicións, moitas delas inéditas, de corte neopopularista, cheas de axilidade, frescura e sinxeleza expresiva, e abeiradas ao metro curto, supoñen reformular en parte a traxectoria do autor e, por outro lado, traendo a auga para o noso rego, encerra un número non desprezable de  técnicas e asuntos que moitos autores da nosa tradición literaria tamén empregaron, sobre todo algúns da denominada época das vangardas, léase sobre todo Amado Carballo  ou mesmo algúns poemas dos primeiros Acuña ou  Cunqueiro. Premendo aquí pódese visionar unha breve reportaxe sobre o libro.