Stéphane Hessel (tradución Fernando Moreiras, limiar Manuel Rivas)
Indignádevos!
Faktoría K de Libros, colecc. Ágora K, Pontevedra, 2011, 48 pp., 5 €
Como xa informaba hai algúns día desde esta bitácora, malia que neste espazo de tempo a súa publicación fose precedida por un lamentable incidente no que unha web vulneraba flagrantemente os dereitos consagrados na lei de propiedade intelectual, chega arestora ás nosas librarías a tradución galega dun libro que non teño reparo en cualificar como histórico, por vir da man dunha persoa que posúe unha biografía exemplar e exemplarizante, chea de luces e sen posíbeis sombras, por retratar criticamente un tempo como o actual e porque se erixe, por dereito propio, nunha das propostas de pensamento e reflexión que resulta ineludíbel ler, hoxe por hoxe, para poder debater e actuar.
E chega deste xeito esta edición da man de Faktoría K de Libros, estreando unha nova serie con deseño de Marc Taeger; editora a quen cómpre agradecer as xestións para que poidamos ler na nosa lingua este valioso documento. Por outro lado, xusto é recoñecer o traballo do tradutor, Fernando Moreiras, precedido nesta ocasión por un limiar que subscribe Manuel Rivas e que resulta de lectura obrigada. O autor de Todo é silencio realiza unha espléndida reflexión que non escapa do verdadeiramente substantivo de maneira que apunta, en primeiro lugar, ao valor e mais o rescate das palabras, destas palabras de Hessel en concreto, subliñando a verdadeira dimensión semántica que encerran e mais a “felicidade insurxente” que atesouran para, en segundo lugar, remarcar a relevancia e potencialidade activa que posúen debido ao que Rivas denomina “credencial do autor”.

Respecto do texto de Stéphane Hessel só cómpre manifestar que é difícil non estar de acordo con todos e cada un dos postulados e argumentos críticos que espella neste lúcido opúsculo. A trabe ou o alicerce que sostén o seu discurso poderíase cifrar na loita contra a indiferenza e o pensamento único, xunto cunha explícita invitación para reactualizar o sempre necesario concepto de resistencia, co obxectivo de provocar unha ondada de indignación colectiva que reaccione diante do estado actual das cousas. Algo que, como é ben palmario, sería case inxustificábel non asumir pois xa resulta máis que nunca perentoria e necesaria a procura dunha resposta colectiva.
Conclúo cunha única e, a meu entender, significativa cita deste libro: “cando algo nos indigna, como a min me indignou o nazismo, tornámonos militantes, fortes e comprometidos”. Velaquí unha das claves deste libro imprescindíbel.