Lóbrego Romance, Pálida Pantasma, de Jack Mircala

Jack Mircala (tradución de Isabel Soto)

Lóbrego Romance, Pálida Pantasma

El Patito Editorial, Compostela, 2010, 48 pp., 13 €

 

Aparecida no mercado hai algúns meses chego un tanto tarde a esta publicación, editada con extraordinario coidado pola compostelá El Patito Editorial, e non me resisto a deixar aquí constancia da miña satisfacción tras a súa lectura. Basicamente por tres razóns que expoño decontado.

A primeira ten que ver pola descuberta, serodia,  dun autor como é  Jack Mircala, que se corresponde ao nome ar­tístico-literario de Fernan­do Gómez Díaz, quen xa no ano 2000 gañara o Premio Lazarillo de ilustra­ción. Mircala comunica con convicción, tanto gráfica coma literariamente, un mundo creativo dotado  de grande atractivo e eficiencia.

Jack Mircala

A segunda vincúlase co desenvolvemento das dúas novelas gráficas –Contos do castelo de Maldavia e Verlián e o talismán extraviado– que aquí se ofrecen xuntas e nas que, a carón do expresionismo plástico que domina as ilustracións, agroma un universo espacial moi solvente chamado  Malvadia, operativo para adentrarnos nun mundo que beirea as fronteiras do romántico e o gótico e no que unha voz narradora, con evidentes chiscadelas a Edgar Allan Poe, irá reparando nas singularidades deste territorio de xeito que coexisten, cunha máis que evidente naturalidade, ecos de arrecendo lendario, sombras espectrais golpeadas polo amor, idilios frustrados, unha curiosa lameira apestada e un bico envelenado; depositando nos obxectos, que se envolven con diversas posibilidades máxicas, as claves para o desenvolvemento narrativo ao que contribúe a atención prestada ao recurso da oralidade, que tan bos resultados deita.

A terceira razón, e derradeira, fai referencia ao excelente labor de tradución levado a cabo por Isabel Soto, que consegue unha tonalidade fluída e acaída para o verniz gótico-romántico dos relatos. Tres razóns, ao meu ver, que sosteñen un moi atractivo libro.