Para facer o retrato dun paxaro, de Jacques Prévert

Jacques Prévert (Mordicai Gerstein, ilustracións e Fernando Moreiras tradución)

Para facer o retrato dun paxaro

Faktoría K de Libros, Pontevedra, 48 pp., 2011, 14 €

Todo un modelo, ao meu ver, esta proposta que exemplifica como chegar a crear un  fantástico casoiro entre un extraordinario poema, cunhas non menos valiosas ilustracións, de xeito que ambas as dúas creacións artísticas conflúen nun memorable libro para primeiros lectores, nesta ocasión vertido á nosa lingua grazas ao traballo desenvolto por Fernando Moreiras.

Jacques Prévert

O poema, o único poema segmentado que ocupa boa parte deste álbum ilustrado, vén da man do poeta, dramaturgo e guionista cinematográfico Jacques Prévert, talvez máis coñecido entre nós tanto por ser un dos participantes nese xogo artístico que se denominou “cadáveres exquisitos” como por moitos dos seus poemas, que se converteron en letras de cancións de diversos músicos e cantautores. Con todo, esta composición poética, orixinalmente escrita en 1943 e dedicada a Elsa Henríquez por mor dunha exposición artística, sobarda as fronteiras da literatura de circunstancias e convértese, hoxe máis que nunca, tras a súa publicación orixinal en 1949 por Editions Gallimard, nunha reflexión sobre a arte pictórica e a súa función primordial, mais tamén sobre os valores e a dimensión do fuxidío e da recorrente,   case enfermiza, intención por apreixalo, apostando por outras realidades como o imaxinativo, o fantástico, a sorpresa ou mesmo a propia paciencia nun, inevitable, contexto de arrecendo surrealista.

Por outra banda, o traballo de Gerstein non queda atrás do texto que interpreta e acompaña ofrecendo unha versión de filiación realista e colorista, cunha máis que interesante proposta que solventa con éxito a transición entre diversas dimensións visuais.

Toda unha garantía este libro, que non dubido en cualificalo como moi recomendable.

2 Comments

  1. Dende logo o poema orixinal é unha marabilla que moitos nenos aprenden de pequerrechos, estupenda opción!!!

Os comentarios están pechados.