Aniversario e novidades en tresCtres

Non atendera nesta bitácora, até o de agora, as novidades deste selo editorial que, ademais, cumpre estes días dez anos de vida. A Asociación Galega de Editores saudou o aniversario reaalizando unha breve historia da empresa desde a súa creación: unha idea que partiu dos empresarios das artes gráficas irmáns Pichel López  e mais de dous profesores do IES Terra de Xallas –X. Amancio Liñares Giraut (Xeografía e Historia) e Antonio Puentes Chao (Lingua e Literatura Galegas)–, quen asumiron colexiadamente a súa dirección editorial desde a data da súa fundación.

Con xa máis de cen títulos no seu catálogo e unha oferta editorial moi variada, a editorial perseguirá como próximos obxectivos tanto a renovación da súa páxina web, introducindo novos deseños, recursos e contidos como a continuación do labor de edición. Neste sentido,  son agora dous os libros que presentan para estes primeiros meses.
O primeiro deles titúlase Historia dun ermo asociativo, significativamente subtitulado “Labregos, sindicatos verticais e políticas agrarias en Galicia baixo o franquismo” e chega da man do doutor en historia Daniel Landero Táboas, quen ofrece deste xeito un voluminoso ensaio, inspirado na súa tese de doutoramento, que vén cubrir unha necesidade no ámbito do coñecemento da nosa historia agraria máis recente. O libro, ademais, está prologado por Lourenzo Fernández Prieto.

Por último, ponse en circulación un poemario, na colección Varilongo, escrito a catro mans: trátase de Cambio de estrela, que subscriben Iria Anido e Xan Eguía, onde as ilustracións cobran unha especial relevancia xunto coa expresión poética, e que cumprirá ler con vagar.
Parabéns, pois, á editorial por estes dous novos títulos e polo seu aniversario.