Breviario, en Biblos nº 49

  • Lois Pereiro. Apenas uns meses andados deste 2011 resulta unha evidencia o interese suscitado no ámbito editorial pola obra literaria do escritor monfortino. Non chegan os dedos das mans para contar xa as monografías, inéditos, reedicións e investigacións que xa apareceron no mercado e non é difícil conxecturar que aínda serán bastantes máis nestes meses próximos. Achegas como as que realizaron, entre as que puiden coñecer até agora, Ouvirmos ou Positivas; ademais de traballos como os que subscribiu Antón Patiño, resultaron xa extraordinariamente suxestivos, rompendo moitos tópicos preconcibidos e descubrindo sorprendentes claves interpretativas da súa obra. Estou convencido de que a estes se xuntarán outros volumes que cumprirá ter ben en conta.
  • Rosalía de Castro. O pasado día 24 de febreiro enxalzouse, talvez non como un desexaría, a figura de Rosalía por mor dos 177 anos que median desde o seu nacemento. Son dos que pensa que o seu legado literario é dos que está sempre de actualidade e que unha das mellores maneiras de homenaxeala é, simplemente, ler ou reler os seus poemas e os seus textos en prosa. Para iso existen excelentes edicións da súa obra como as publicadas en Sotelo Blanco, Xerais, Alvarellos, Galaxia, proximamente de Auga Editora ou as da propia Fundación Rosalía, entre outras. Por outra parte, non está de máis botar unha ollada ás interpretacións máis   recentes da súa obra. Neste sentido, ensaios como os de Pilar García Negro ou o último número da revista dirixida por María Xosé Queizán –Festa da palabra silenciada, nº 26– non defraudarán.
  • Álvaro Cunqueiro. Chegou xa o centenario do nacemento do escritor mindoniense. Polo de agora, talvez sexa cedo de máis, mais editorialmente só se pode consignar a aparición dunha edición –Viaje a Lugo– que compila os seus textos dedicados á cidade de Lugo por Alvarellos Editora nunha rigorosa edición a cargo da profesora María Xesús Nogueira. Agardamos que as achegas dedicadas ao autor de Merlín e familia vaian deixándose ver pois non é ben desaproveitar unha ocasión coma esta para popularizar e actualizar a súa vizosa obra literaria.