Vindeiras novidades en 3C3 (e 2)

Nunha anterior anotación referíame ao aniversario da editorial 3C3 e ás dúas novidades que aparecen estes días no mercado. Neste trimestre, ademais, proxectan editar tres volumes máis de diferente orientación e temática.

O primeiro vén da man da profesora e investigadora  María Xesús Nogueira Pereira, que subscribe unha publicación xa clásica da editorial, acollida na colección “Dicionario / Letras dous mil…”, baixo o título, nesta ocasión, de  “Dicionario” Lois Pereiro,  recollendo os aspectos biográficos e as claves literarias máis salientables do autor monfortino a través dunha serie de entradas ordenadas alfabeticamente; a publicación, ademais, contará con diversos cadros sinópticos, alén de recursos e actividades para traballar co alumnado na aula; engadirá, ademais, un limiar de Xosé Luís Méndez Ferrín.

Por outro lado, na colección “Xiz / Didáctica” publicarase, da man de  María Teresa Delgado Vázquez, o título Acción titorial nos Programas de Cualificación Profesional Inicial, coa idea de se converter nunha achega útil que compendiará materiais para levar adiante as titorías nos Programas de Cualificación Profesional Inicial, PCPI, dentro do ensino secundario. Por último,  Carlos L.  Medrano, que xa posúe diversos traballos desenvoltos no ámbito da promoción de actividades creativas e lúdicas, orientadas a empregar a lóxica para procurar a axeitada interpretación dos datos que se ofrecen, ofrecerá, na liña do seu anterior EsfinxeSherezade. Novos relatos de pensamento creativo. Agardamos por todos eles.