Pequenos encontros, as marcas deixadas (Obra poética reunida 1967-1995), de Farruco Sesto

Farruco Sesto

Pequenos encontros, as marcas deixadas (Obra poética reunida 1967-1995)

Espiral Maior, Curtis-Culleredo, 2010, 224 pp., 19 €

 

Alén do poemario Isolda, publicado orixinalmente en Sotelo Blanco aló polo ano 1990,  Farruco Sesto (Vigo, 1943)  posuía unha obra poética practicamente inaccesible, mesmo un tanto enigmática, malia ser considerado por algunha crítica como un dos poetas máis salientables da súa xeración. Deste xeito chega o presente Pequenos encontros, as marcas deixadas que dalgún xeito supón unha oportunidade para paliar este descoñecemento, especialmente sensible nun autor que ao longo dos anos nunca deixou de escribir –velaquí nove poemarios e outro grupo de poemas nunca compilados- nun espazo no que  a distancia física da súa Galicia natal, sen dúbida nunca a anímica, foi e é, neste caso, oceánica. As tarefas e responsabilidades profesionais e políticas desenvoltas en Venezuela por Sesto nunca constituíron razón para que a súa obra poética en lingua galega non fose acrecentándose co paso do tempo, tal e como testemuña este volume que compila a súa produción publicada entre os anos 1967 e 1995.

         Ademais é esta unha edición que chega prologada por Xosé Luís Méndez Ferrín, bo coñecedor non só das claves literarias de Sesto senón tamén do percorrido biográfico do autor, que subliña os seus perfís políticos e as raizames galegas que sempre ostentou, alén de informar sobre a súa dimensión intelectual e profesional. A este texto séguelle un acaído e fondamente documentado estudo introdutorio subscrito por Yolanda Castaño. Os dous textos que inician, así pois, este volume, fóra de constituíren unha achega que é de referencia sobre a poesía de Farruco Sesto, tanto polos abondosos datos literarios e biográficos que acompañan como pola interpretación que realizan do máis relevante da súa produción lírica, facilitan o acceso aos propios textos poéticos polos que o lector, agora si, pode xa moverse con solvencia e seguridade.

         Solvencia e seguridade que permite entender máis cabalmente a poesía do autor, isto é, cal foi a atmosfera, persoal e colectiva, na que se xerou pois a súa produción resulta paradigmática no que se refire á súa distribución, maioritariamente clandestina ou en edicións ciclostiladas, mesmo artesanais ou non venais, e polo tanto tamén no que atinxe á súa recepción, sempre limitada e parcial por estas mesmas razóns.

Cómpre agora, así pois, que a súa obra poética, que en boa parte ha ser recibida como inédita, sexa recibida e entendida á luz dos carreiros da normalidade e, neste sentido, é ben diáfana esa vontade que a domina de conxugar a función social e política da expresión lírica sen nunca dar as costas á calidade nin á autoesixencia. Teño para min que non sería de xustiza desbotar nin a pluralidade nin a densidade formal e conceptual que exhibe,  como tampouco a súa modernidade nin o xogo simbólico e metafórico que encerra. É tempo, se cadra, de que os lectores galegos reinventen, libremente, estes poemas que para eles foron escritos.

 

 

Este texto publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 26 de marzo de 2011 baixo o título de “O rescate dunha vibrante voz”.