Violeta tamurana, de Andrea Maceiras, premio Meiga Moira 2010

Andrea Maceiras

Violeta tamurana

Baía Edicións, col. Meiga Moira, A Coruña, 2010, 224 páxinas, 12,69 €

Galardoado na cuarta edición do Premio Meiga Moira de literatura infantil e xuvenil no ano 2010, este Violeta Tamurana, de título un tanto desconcertante, resultou para min unha lectura ilusionante porque afortala unha autora moi nova como é Andrea Maceiras (A Coruña, 1987), no ámbito da narrativa galega, onde xa dera algún título de interese como Proxecto Bolboreta (2007), sendo igualmente finalista do Premio de Novela Biblos-Pazos de Galicia este ano pasado. A novela ve a luz con ilustracións de Rodrigo Chao en Baía Edicións que, por outra parte, actualizou hai pouco a súa web de xeito que incorpora imaxes dos interiores dos seus libros e facilita o acceso a un capítulo de cada un dos libros de narrativa, permitindo visualizar os seus contidos e, ao tempo, poder achegarse a eles con vagar para decidir a súa lectura. 

Maceiras, así pois, é quen de crear un universo consistente e sólido, coido que non só para lectores de máis de doce ou trece anos, e expoñelo a través dunha armazón solvente  sen deixar de atender aos valores que subministra unha prosa áxil e coidada, que ademais consegue descricións de gran forza atractiva. A historia que desenvolve, con evidentes claves simbólicas ás que se pode, ou non, chegar, é quen de introducirnos nun mundo no que ecoa, por exemplo, a presenza do mellor Jack London, no que se refire a hábitos ou costumes de xorne máis tribal, e mesmo a pegada doutros autores de ficción científica no que atinxe  ao contexto que se proxecta no porvir. Nela non falta a recreación de conflitos xeracionais, a procura do propio sitio ou da identidade persoal ou colectiva, a loita pola supervivencia, a intensa preocupación ecoloxista e, non se esqueza, a aventura e o fantástico, que se dan as mans cunha trama amorosa e que se presentan como forza motriz da proposta, conseguindo a difícil verosimilitude entre as dúas realidades deseñadas e, ademais, proxectando unha posible lectura alegórica que non desbota unha ollada necesaria pola igualdade. Unha feilz aposta narrativa, en fin, por unha novela e unha novelista con futuro.