De sombras e poemas que son casas, de Xosé María Álvarez Cáccamo

 

Xosé María Álvarez Cáccamo

De sombras e poemas que son casas. Antoloxía poética sonora

Edicións do Cumio, Vilaboa, 2010, 160 pp. +  cd, 15 €

Exemplar iniciativa a de Edicións do Cumio  que se contén nesta, ao que parece, serie editorial que antologa e, ademais, permite escoitar a voz de quen se escolma a través dun cd incorporado no propio libro. Coñezo, así pois, esta excelente edición titulada De sombras e poemas que son casas de Xosé María Álvarez Cáccamo -á que seguiu outra de Chus Pato baixo o título de Nacer é unha república de árbores-, que compendia o máis granado, a través dunha escolla feita polo propio autor, da súa produción poética até o momento, ofrecendo un percorrido que revisita deste xeito composicións poéticas do autor que van desde o inicial Praia das furnas (1983) até o seu último Vento de sal (2008).

Noutras ocasións referinme á fortuna que significa podermos coñecer a voz de Xosé María Álvarez Cáccamo e, sen dúbida, esta é unha boa ocasión para reiteralo. A súa é unha voz que se articula no noso tempo, para nós, e mais tamén para (re-)interpretar o universo que nos cadrou en sorte vivir, facéndoo de xeito que se achega sutilmente ás dimensións máis suxestivas das vivencias íntimas, bebendo nesa vizosa fonte que é a memoria, desde a que propón interrogarse e trascendela coa emoción e o intelecto.

Mais a plural tonalidade que exhibe  non explora nin aprehende unicamente a memoria, nin os espazos máis íntimos como a casa, a infancia, o amor ou o canto aos amigos; non se detén só na atracción polo obxecto poetizado ao que lle aplica unha nova combinatoria para obter un resultado distinto e sorprendente, isto é, propiciar unha nova ollada; a súa poética vai alén  pois a melodía que constrúe, tinguida en ocasións dunha fortísima narratividade mais sempre atendendo ao rigor formal, é trebón cando se precisa e nese ronsel poderoso agroma o pouso cívico, combativo e abouxador tan recorrente nos grandes poetas galegos entre os que sen dúbida se conta Pepe Cáccamo.

Este libro permite ler ou reler os seus poemas, se se quer mesmo oílos da súa propia voz e obter así unha visión de conxunto da súa produción lírica: intensa e significativa como poucas. Beizón.