Os paraísos eróticos, de Claudio Rodríguez Fer

Claudio Rodríguez Fer (texto ) – Sara Lamas (ilustracións)

Os paraísos eróticos

Meubook, Compostela, 2010, 124 páxinas,  17,47 €

 

Meubook, editorial que se especializa na comercialización e  edición de libros tanto en formato papel  baixo demanda como en formato electrónico, publicou hai uns meses Os paraísos eróticos, unha obra narrativa de Claudio Rodríguez Fer que conforma un todo conxunto e dificilmente separable da súa obra poética contida, por exemplo, en Vulva ou no seu máis recente Unha tempada no paraíso, e dalgún xeito impregnada da pulsión libertaria que sempre defende o autor. Por outra parte, e seguindo o ronsel que conceptúa a súa achega como un todo de carácter interartístico, o volume aparece ilustrado con inconfundibles debuxos e gravados debidos á man de Sara Lamas.

Neste libro edítanse por xunto a totalidade, até o de agora, dos relatos de xorne erótico escritos polo autor entre os anos 1983 e 2009, encadrados en tres grandes bloques como son os contos epigrafados  “Bestas e belas”, onde as máis das ocasións atopamos protagonistas femininas de forma ou aparencia animal (mulleres lobas, raposas, osas, bolboretas ou panteras… sempre marcadas polo apetito, a demanda ou o encontro sexual); aqueloutros englobados baixo o título de “Entregas”, caracterizado por conter relatos de intensidade máis concentrada que autor denomina, acaidamente, epifanías eróticas  e, finalmente, os suxestivos microrrelatos da serie denominada “Tres”, así bautizados significativamente pois nada hai gratuíto ou que non sexa simbólico neste libro.

Rodríguez Fer, deste xeito, reactiva o relato de asunto erótico que, en xeral, non dá atopado, fóra de moi puntuais incursións, moito eco nin nas editoriais galegas nin, se cadra, en moitos lectores e lectoras. Porén, o autor ofrece mesmo algo máis pois é quen de ir engadindo a ese fío común que percorre o libro, móvendose con solvencia -todo hai que dicilo- entre as necesidades técnicas do relato curto e do microrrelato, elementos que proveñen doutros ámbitos como son o da antropoloxía cultural galega, os ecos lendarios, o relato de medo ou terror ou aqueloutro de carácter máis metaliterario, cruzados uns e outros, sobre todo os últimos, por abondosas referencias de carácter pictórico, filosófico, poético, narrativo, cinematográfico ou cultural en xeral.

Un libro ao que por forza cómpre dar a benvida porque nos achega ao mundo do erotismo na literatura galega contemporánea e porque vén da man de alguén que o sabe facer con mestría, á marxe de convencionalismos e sempre beireando o espírito insubmiso: creación libre de ataduras de todo tipo.