Novidades en Laiovento: sobre Alfredo Guisado e A historia secuestrada polo franquismo de Manuel Monge

Hai algún tempo dei conta nesta bitácora de dúas novidades en Laiovento. Chega a quenda agora, aínda que sexa brevemente, de sinalar a aparición de dous volumes que afondan, respectivamente, nun personaxe literario semiesquecido e naqueles territorios da memoria que cómpre recuperar.

O primeiro, así pois, vén da man de Carlos Pazos Justo e resultou galardoado no “Premio de ensaio Ricardo Carvalho Calero” na súa décimo sétima edición correspondente ao ano 2009. Baixo o título de Trajectória de Alfredo Guisado e a sua relação com a Galiza (1910-1921) o autor esténdese con rigor analítico sobre a figura dun escritor pouco convencional e a cabalo entre dous países e do que ben pouco se coñecía  a non ser a singular autoría do volume Xente d ´aldea. Versos Gallegos, publicado en Lisboa no ano 1921. Resultado, así pois, dun intenso labor de documentación e procura, este traballo contribúe de xeito destacado a suxerir moitos camiños interpretativos e, abofé, reflexivos, sobre as relacións entre Galicia e Portugal e, sobre todo, a iluminar ese período máis escuro respecto da vinculación con Galicia de Alfredo Guisado a través da súa intervención nos “campos literarios e culturais” veciños, todo filtrado a través das achegas teóricas realizadas por Even-Zohar e Pierre Bourdieu, que se empregan aquí de xeito moi rendible.

Por outro lado é Manuel Monge, presidente na actualidade da “Comisión pola recuperación da Memoria Histórica da Coruña”  quen, a través d´A historia secuestrada polo franquismo e sen abandonar en ningún momento o afán reivindicativo e a tonalidade de denuncia, ofrece un mangado de reflexións, a carón de documentos e imaxes, que pretenden contribuír, activamente, a repensar acontecementos recentes do noso pasado, dominados pola impunidade e o aparente esquecemento. Velaí un repaso, entre outros asuntos, polo que o autor denomina os crimes do fascismo, os autos do xuíz Garzón, a mobilización cívica, a chamada “batalla de Meirás”, o nacemento da Asociación que preside ou unha análise da simboloxía franquista en rúas, placas ou outros espazos aínda entre nós.

Para quen teña interese deixo aquí un vídeo dunha das presentacións coas que contou o volume:

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/LCazMixxPf4" width="425" height="350" wmode="transparent" /]