Letras Galegas: “Os pequenos selos editoriais”
Tamén hai proxectos editoriais de interese que pugnan por atopar un público e un oco neste panorama da edición galega
Se ben grandes editoriais como Edicións Xerais de Galicia, Galaxia, Sotelo Blanco, Kalandraka (e o seu selo irmán Faktoría K de Libros), Toxosoutos e algunha outra enfronta estes novos tempos aplicando un criterio un tanto máis restritivo no plan editorial anual, o que contribúe a resistir estes embates dunha situación pouco favorable para todos, o certo é que outras casas con recursos máis limitados e que se caracterizan pola súa menor produción anual, seguen querendo estar presente nos andeis das librarías e na venda on-line, ofrecendo produtos que poden ser para un público máis restrinxido, aínda que non sempre. Nesta crónica, sen un afán exhaustivo, cítanse algunhas delas e as súas principais actividades, nunha serie que se completará nunha próxima entrega.
Á procura de novos espazos
No ámbito de cómic destaca El Patito Editorial, con sede en Compostela e que, dirixida por Gemma Sesar e Fausto Isorna, leva xa cinco anos recuperando obras clásicas da banda deseñada galega, prestando tamén atención á obra de autores galegos, españois e estranxeiros; rematan, ademais, de dar a coñecer un marabilloso Nuevas aventuras de Dick Turpin. A ela súmase a coruñesa Cerditos de Guinea ou Demo editorial.
No que atinxe ás recuperacións de obra de autores galegos, pero tamén atenta a outros libros de investigación, de pequeno ou gran formato, apostando nos últimos tempos polo ensaio e novas liñas de edición como a narrativa hai que citar a aquela tamén compostelá, e histórica, Alvarellos Editora que o seu actual director, Enrique Alvarellos, recuperou con moito acerto. Tamén Andavira Editorial segue ofrecendo libros de carácter universitario e técnico entre o que sobresae un recente estudo subscrito polo profesor X.M. Cid sobre o profesorado ourensán en tempos da II República.
Centrados, como obxectivo primordial, no labor promocional do libro galego, a través da revista bimestral Biblos. Clube de lectura, o selo editorial homónimo, dirixido por Tucho Calvo e Carmela Boo, mantén unha continua presenza a través da colección “Mandaio” que o club regala aos seus subscriptores. O último éxito desta foi a novela Malas cartas, de Manuel Pereira Valcárcel.
Non se esquece aquí a presenza de Laiovento, un selo histórico que segue capeando o temporal dende 1989 con obras de carácter ensaístico ou teatral na súa maior parte. Entre as súas apreciables contribucións máis recentes destacan dous recentes estudos sobre a figura e obra de Carvalho Calero, a cargo de Manuel Rosales e Piar García Negro.
E conclúo este primeiro percorrido coa pontevedresa Cumio, que deu a coñecer unha interesante serie de ensaios sobre saúde e estética, xunto con senllas antoloxías de poetas galegos, recitadas polos seus propios autores, como foron as correspondentes á obra de Chus Pato e de Xosé Mª Álvarez Cáccamo-, xunto con outros títulos de investigación e promoción musical galega.
Baixo o título de “Los pequeños sellos editoriales” este texto viu a luz en castelán nas páxinas do número 164 da revista Qué leer. Reproduzo arriba a versión en lingua galega desta colaboración.