Teatro en Baía Edicións

Inacio (ilustracións Óscar Villán)

Fábula galénica

Baía Edicións, A Coruña, 2011, 60 páxinas, 8,65 €

 

Xosé A. Neira Cruz

Pedra sobre pedra

Baía Edicións, A Coruña, 2011, 60 páxinas, 5,77 €

 

Nestes tempos en que os xéneros mal chamados menores teñen aínda unha maior dificultade para chegar a ver a luz cómpre reparar en dúas publicacións que veñen da man de Baía Edicións, en coedición co Agadic, e  que acollen dúas publicacións dramatúrxicas de interese galardoadas, por outra parte, co premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques tanto na modalidade de adultos como na infantil.

A proposta gañadora nesta última modalidade, Fábula galénica, que vén da man de Inacio Vilariño e que conta con ilustracións de Óscar Villán, expón no seu título a diáfana relación coas fábulas de carácter tradicional mais ao tempo opérase nel unha indubidable e  consciente actualización dos seus contidos. Por outro lado resulta un texto, ao meu ver, moi suxestivo no que se refire ás posibilidades de escenificación e, alén de conectar textualmente axiña co lector, está dotado dunha fluidez dialogal moi estimable.

Por outro lado, Pedra sobre pedra, de Xosé A. Neira Cruz, vencedor na categoría de teatro de monicreques para adultos, retoma o asunto da construción do Pórtico da Gloria protagonizado polo Mestre Mateo, afondando na idea do furto intelectual dunha obra artística ou das propias ideas, e asemade no concepto de calumnia. Igualmente suxestivo e aberto no que á posible escenificación se refire, salienta nel a súa atractiva armazón estrutural e expresiva -exemplar e acaído resulta o emprego de fragmentos no verbo dos arxinas ou fala dos canteiros na boca dalgúns personaxes-, alén das numerosas claves metaliterarias e simbólicas traídas con naturalidade e que, como Festina lente, a novela que hai alguns anos publicou Marcos Calveiro, testemuña o que, sen dúbida, aínda  pode dar de si  a temática histórica de noso ollada desde novas e convicentes perspectivas.