Modesta proposición e outros ensaios
Xerais, Vigo, 88 páxinas, 12 €
Como útil e feliz iniciativa entendo a compilación de ensaios dispersos de Lois Pereiro, esparexidos ata o de agora nas páxinas de revistas como La Naval, Luces de Galiza ou Dorna, agora editados por xunto cun limiar de Xosé Manuel Pereiro, e que presenta tamén algúns inéditos, un guión televisivo e unha relevante entrevista, de obrigada lectura, que lle realizou no seu día Manuel Rivas.
Útil porque o libro é un camiño de dobre dirección, operativo para desvelar as claves da súa poesía e da estética na que militou; feliz porque confirma que non foi menor o Pereiro ensaísta pois as súas son propostas reflexivas de fondo calado, que abalan entre o escepticismo, o optimismo e a esperanza, cheas de lucidez e espírito crítico, de perfecta validez para estes días que andamos e que, ademais, revelan o perfil de alguén que miraba de fronte a vida e a literatura.