Luís Seoane en Compostela e outros ensaios, de Antón Capelán

Antón Capelán

Luís Seoane en Compostela e outros ensaios

Laiovento, Compostela, 284 páxinas, 19 €

Antón Capelán é un profesor e filólogo coruñés que posúe un brillante currículo no ámbito da investigación literaria, aínda que talvez pouco coñecido e escasamente recoñecido. Ás súas achegas anteriores sobre autores e obras do sistema literario galego, esparexidas tanto en numerosos artigos que viron a luz en publicacións colectivas como nos recollidos nos volumes Contra a Casa da Troia (1994 e 1996) e Diatribas manuelinas (2004), engádese estes días un novo libro que, baixo o título de Luís Seoane en Compostela e outros ensaios, ofrece unha miscelánea de innegable interese tanto para os afeccionados ás investigacións de corte literario e interpretativo como para quen desexe coñecer algo máis sobre a biografía e traxectoria intelectual de catro autores salientables da nosa tradición e de desemellantes xeracións como son o propio Luís Seoane, Vicente Risco, Eduardo Blanco-Amor e mais Celso Emilio Ferreiro.

         O libro, así pois, insírese no parámetro de investigación que Capelán transita desde hai anos e que non é outro que o de aplicar un prisma interpretativo e sociolóxico ao que a memoria conservada na prensa periódica e noutras fontes semellantes nos pode dicir. O recurso posibilita espellar o contexto en que moitos acontecementos, agora entendidos como históricos, ocorren e presta especial atención ás diversas plataformas informativas e publicísticas que recollen información e colaboracións externas, periódicas ou non, que debidamente exhumadas, filtradas e interpretadas con espírito analítico, deitan conclusións por veces novidosas que cómpre incorporar ao coñecemento da traxectoria intelectual daqueles arriba amentados, tal e como explicita nunhas páxinas limiares que resultan iluminadoras ao centrarse no compromiso da figura do intelectual a través do tempo e a relación deste coa propia prensa periódica.

         Baixo esta perspectiva o contido deste volume non merecería pasar desapercibido. Polas súas páxinas investígase o pensamento de Vicente Risco verbo do seu posicionamento diante da obra do filósofo católico Jacques Maritain, revelando así tanto as claves do factor relixioso na concepción ideolóxica de Galicia do autor d´O porco de pé como as razóns que o conducirían a adherirse ao franquismo. A continuación, preséntase un estudo integral sobre o suceso da matanza de Oseira a partir da recreación blanco-amoriana que nos deixou en Xente ao lonxe e despois é Luís Seoane, conceptuado desde a modernidade das súas formulacións políticas e culturais, quen se transforma no obxecto de interese nunha dobre dimensión como é a das actividades máis salientables desenvoltas na súa época compostelá de formación e aqueles artigos que  Blanco-Amor lle dedicou tanto á súa obra como ás súas actividades culturais e literarias.

         Por último, reviste un especial interese a reflexión que pecha o volume pois rescata e analiza as colaboracións xornalísticas que Celso Emilio Ferreiro enviou a un medio de comunicación madrileño ao longo da súa viaxe a Venezuela no ano 1966; textos ata agora non compilados e que teñen o valor, entre outros aspectos, de amosar a primeira imaxe que plasma o autor da comunidade emigrada en América.

 

Baixo o título de “Exhumar palabras, rescatar ideas” este texto publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 9 de abril de 2011.