A ferida de comprender, de Baldo Ramos

 

Baldo Ramos

A ferida de comprender

Follas Novas Edicións, Libros da Frouma, Compostela, 200 pp., 15 €

 

Non oculto a miña devoción pola estética do poeta e artista plástico celanovés Baldo Ramos, cada día máis arraizado na excepcional tradición lírica que deu a súa terra natal. Aplicando os criterios de sensibilidade e mais esixencia, gobernada a inspiración as máis das ocasións por unha vontade esencialista e esencializadora, beirea o poeta os espazos habitados polo transcorrer do tempo, a percepción da beleza ou a propia evocación das orixes, obrigando a que o lector prefigure e participe activamente naquilo que ten aínda ten perfís desdebuxados, pero que xa se intúe ao lonxe.

     A palabra, neste e nos anteriores poemarios do autor, sempre é algo máis que vehículo ou ferramenta creativa e cómpre estar alerta a todas as súas dimensións semánticas. A ferida de comprender, en fin, articúlase tamén como un espello de todas as voces e rexistros que Baldo Ramos deu a coñecer ata agora e con el, seica, pecha un ciclo. Velaquí alguén que agarda polo comezo do seguinte.