Antoloxía poética, de Lois Pereiro

 

Lois Pereiro

Antoloxía poética (Edición de Daniel Salgado)

Galaxia, Vigo, 2011, 176 páxinas, 11 €

Cómpre non perder de vista esta publicación, que vén da man do xornalista e poeta Daniel Salgado, e que compila por volta de cincuenta composicións poéticas de Lois Pereiro, especialmente acaídas para obtermos unha visión global e ilustrativa do percorrido poético do escritor monfortino.

Se realizar unha escolma sempre resulta un labor un complexo, no que interveñen inevitables decisións de carácter naturalmente subxectivo, teño para min que as escollas aquí incorporadas con tino permiten realizar outra lectura ou asomarse con garantías á actividade lírica de Pereiro. Con todo, alén diso, as páxinas introdutorias desta edición encerran reflexións que iluminan con luz propia moitos aspectos e claves literarias do que significou a achega do autor, diacrónica e sincronicamente, mais tamén recala en aspectos complementarios que non teñen menor interese como son a presenza do autor no canon dos poetas dos 80, a súa presenza na década dos 90 ou a arañeira que constitúe a estética pola que transitou con paso firme: moito máis que unha imaxe estereotipada por preconceptos como ben se demostra nas abondosas publicacións que están vendo a luz nos últimos meses. Nesta tamén se transparentan os alicerces dunha obra sostidos polo coñecemento, o diálogo con outras lecturas e tradicións ou a influencia de manifestacións artísticas como a musical. Todo isto bate coa propia existencia do home pois non en van, como afirma o editor desta recomendable antoloxía, a súa escrita “traza un mapa co que orientarse na opresión de estar vivos”.