Bertrand Russell
Porque non son cristián (tradución de Mª Fe González)
Trifolium, col. Musa pedestris, Oleiros, 72 páxinas, 11 €
Ao meu ver, unha das coleccións máis interesantes nos últimos tempos, pola orixinalidade dos seus contidos, é a chamada “Musa pedestris” da Editorial Trifolium, que acolleu polo de agora propostas que contribúen á reflexión sobre o noso tempo da man de autores de prestixio como J. L. Aranguren, Felipe Alaiz, Noam Chomsky, Michel Foucault ou Paul Lafargue. Neste sentido engádese agora outra entrega de Bertrand Russell, que se suma á que xa viu a luz na serie homónima baixo o título de Eloxio da ociosidade.
O texto titulado Por que non son cristián, así pois, procede dunha conferencia que o filósofo impartiu o 6 de marzo de 1927 no consistorio de Battersea, baixo os auspicios da Sección do Sur de Londres da Sociedade Laica Nacional e nel, cunha linguaxe en absoluto críptica e recorrendo nalgunhas ocasións á distensión a través do uso da ironía, ofrécenos unhas reflexións de indubidable interese sobre o asunto central exposto no título, para o que afirma, en primeiro lugar, non ser cristián por non crer en Deus, por non crer na inmortalidade e mais porque “non penso que Cristo sexa nin o mellor nin o máis sabio dos seres humanos”, malia concederlle “un elevado grao de virtude moral”.
Desde estas premisas, Russell intérnanos a través de pequenos capítulos que flúen axilmente -no que resulta determinante o acaído da tradución- nesta cuestión do dogma cristián rebatendo argumentos, en ocasións con esmagadora rotundidade, sobre a existencia de Deus, arredor do carácter de Cristo, verbo dos problemas morais ou dos factores emocionais que determinan moitos posicionamentos ou conceptos, ofrecendo un monllo de reflexións que o conducen a concluír sobre a necesidade dunha “consideración sen temor” e mais “dunha intelixencia libre” propugnando, por extensión, unha postura non dogmática, aberta, positiva e que acredite tanto na liberdade do ser humano como na “esperanza no futuro”.
Un libro, sen dúbida, cheo de intensidade, activo e belixerante, que cómpre coñecer.