FerrolAnálisis, nº 25
Club de Prensa de Ferrol, Ferrol, 312 páxinas, 18 €, 2010.
Chega á súa vixésimo quinta entrega esta revista, tras vinte longos anos de andaina, mantendo as esencias iniciais do proxecto como son a pluralidade e mais a rigorosidade de contidos e colaboracións, arroupada por un tratamento estético extraordinariamente coidado e ben pouco común entre as revistas de pensamento e cultura. A revista, dirixida agora por J.A. Ponte Far, conta tamén, entre outras persoas que a fan posible, co bo facer de Luís Mera Naveiras.
Nesta ocasión, como sinala o director da mesma, baixo a premisa de “observar e reflexionar sobre a realidade máis próxima para transcender ó máis universal”, agrúpanse as colaboracións a través de sete seccións, entre as que non se esquece certo compoñente conmemorativo no que se refire a cinco persoeiros da arte e da literatura como son Rosalía de Castro, no seu 125 cabodano, a respecto da cal Francisco Rodríguez se achega analiticamente ao asunto do traslado dos seus restos mortais; Luís Seoane, con valiosos documentos e testemuños inéditos até o de agora, incluíndo textos de Carlos Gurméndez ou Francisco X. Fernández Naval; Gonzalo Torrente Ballester, a través dunha análise da novela Farruquiño que leva a cabo Ponte Far desde a perspectiva da teoría novelística de Cervantes e, finalmente, Xohana Torres –con propostas interpretativas de Méndez Ferrín ou Teresa Bermúdez entre outros, xunto cun espazo dedicado a Rogelio Groba, pola súa vinculación con Ferrol.
Destaco, un tanto inxustamente pois resulta imposible abranguer aquí nin sequera os contidos dunha mínima parte deles, só algúns dos artigos que me semellaron de maior interese xeral. No primeiro bloque, titulado “Arte e Arquitectura”, subliñaría os artigos de Luís Mera, que se achega, nun meritorio traballo de investigación e interpretación, á música e mais á política no holocausto nazi (1933-1945); neste bloque tamén Mercedes Puyol inclúe unha interesante análise arredor de Thomas Slater, músico ferrolán.
A sección “Pensamento e Política” recupera, entre outros, artigos de e sobre José Vidal-Beneyto, por mor do seu recente falecemento, alén dunha interesante achega sobre o IRA, o proceso de Paz e mais a resolución do conflito, a cargo de Francis Stuart Ross.
Literariamente non quero esquecer a noticia que ofrece Juan J. Burgoa sobre o literato galego-castelán Domingo Díaz de Robles ou a suxestiva aproximación á narrativa do tamén ferrolán Ramón Loureiro, a cargo de Miguel Carlos Vidal.
Outros textos na sección “Curso Carlos Gurméndez”, “Ciencia e tecnoloxía”, “Defensa e seguridade”, “Creación” (a cargo de Yanelis Velazco) poñen o ramo a esta intensa e máis que satisfactoria entrega que se complementa co vixésimo cuarta entrega dos coidados Cadernos de FerrolAnálisis, nesta ocasión dedicada á figura de Pablo Iglesias: un volume que presenta un gran valor documental e histórico, por mor dos cen anos de socialismo parlamentario (1910-2010).