Na noite de onte falláronse os premios AELG 2011. Os votos dos compañeiros e compañeiras da Asociación de Escritores en Lingua Galega e mais do Colexio de Xornalistas de Galicia outorgáronme o galardón á mellor traxectoria en xornalismo cultural. Malia a candidatura, que xa coñecía hai tempo, sorprendeume a decisión por dúas razóns: constata de xeito definitivo que un xa leva, sen decatarse, unha presada de anos nestas lideiras da difusión e visibilización da literatura galega a través da crítica e a información literaria e, dúas, porque todos os candidatos a obter o galardón eran magníficas propostas e estou certo que colleitarán éxitos en vindeiras convocatorias. Transmítolles a estes últimos en especial os meus parabéns, como tamén aos que foron distinguidos nas diversas seccións: Marcos Calveiro, Manuel Lourenzo, Manuel Rivas, Pilar García Negro, Alfredo Ferreiro, Marga Do Val, Ana Romaní, Manuel Rivas, a Fundación Penzol e a Antonio Gamoneda, a quen resultou emocionante oír o seu fermoso e intenso discurso.
Comparto desde esta bitácora a miña alegría e dou as grazas tamén, os nervios sempre aferrollan o que un ten que dicir, aos medios e soportes xornalísticos, galegos ou non, que ao longo de máis de vinte anos, acolleron e acollen as miñas colaboracións; ás editoriais galegas e ás autoras e autores da nosa literatura que son a base primordial do meu traballo. Grazas, en fin, pola distinción: un galardón que estimo como poucos e que comparto especialmente coa Sección da Crítica da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Vai tamén por vós!