Náufragos do paradiso, de Lois Pereiro

 

Lois Pereiro

Náufragos do paradiso

Galaxia,  Vigo, 108 páxinas, 11 euros

Alén das achegas, presentadas como estudos e investigacións de corte literario ou biográfico, que cada ano suscita a celebración do Día das Letras Galegas, cómpre tamén referirse a aqueloutros “rescates”, quer de orixinais inéditos quer de textos espallados nunca publicados en forma de libro, que van vendo a luz, como ocorreu no caso de Eduardo Blanco-Amor coa súa magnífica A escadeira de Jacob ou con Más alla del tiempo, no caso de María Mariño, por só citar dous exemplos. Neste ronsel, e da man da Editorial Galaxia, publícase Náufragos do paradiso, a única novela conservada do escritor monfortino, introducida por un limiar de Xosé M. Pereiro, quen apunta interesantes datos de corte interpretativo como o que a cualifica como “quizais inacabada, pero non incompleta”. E non lle falta razón pois, en efecto, nela semellou concibirse un desenlace expreso nas páxinas finais, ao tempo que talvez, polo que hoxe se coñece da dinámica creadora de Pereiro, decote obsesionado pola refacción e puimento dos textos, aínda tivese en mente algunha modificación ulterior, como se demostra no relato “Insomnio”, tamén incluído neste libro.
   Con todo, velaquí unha proposta que sorprende aínda hoxe pola súa pasmosa modernidade e por desprender unha inequívoca vontade rupturista e heterodoxa, na dinámica modernizadora que atesouraron algúns narradores da Nova Narrativa Galega, como o coruñés Xohán Casal. Ao tempo non é difícil ver o vincallo estético coas mostras artísticas de Reimundo Patiño e literarias de Thomas Bernhard, o que define globalmente un libro que semella unha visionaria traxedia shakesperiana en prosa. Bernhard, por certo, parece tamén agocharse nese personaxe bautizado como Bernald, quizais tamén trasunto do propio autor, dono dunha “ollada acuática” e particular que sempre difumina os contornos.
   Resulta complexo sintetizar as liñas de sentido de Náufrago do paradiso pois nela formúlanse moitas cuestións de elevado e indiscutible interese para o devalar da narrativa galega contemporánea, ademais de posibilitar unha visión comunicante coa produción lírica de Pereiro pois non en van asuntos como a nada, a soidade, a dor, a violencia ou o sufrimento circulan profusamente por ela. Na novela conflúen unha presada de personaxes –o devandito Bernald, Aián, Lisania, Mimsi Foer, Helena…, cadaquén coa sua auréola peculiar, aterrando nun espazo que se amosa como unha atmosfera pechada, claustrofóbica e angustiante; un espazo, dalgún xeito, conscientemente construído no medio da irrealidade, abalando entre o fantasmal e o onírico…, lugar no que onde asoman, ao que chegan e desde o que foxen como sombras agónicas de si mesmos. Noutras ocasións articúlanse como seres que precisan exhibir relacións, sentimentos e sensacións “escuras apenas comprensíbeis” mais de intenso calado, coa morte como un perenne pano de fondo.
O protagonista desta peza afirma que se debería “deixar que un sobrevivese ós seus naufraxios. Quen cadaquén escorrente as súas pantasmas”…, talvez a novela se concibiu con este pretexto, se cadra non, pero o certo é que Náufragos do paradiso fica como a proba das condicións de Pereiro como un narrador outsider e de incontestable altura.

 

 

Este texto publicouse, baixo o título de “A novela de Pereiro” nas páxinas do suplemento Culturas, de La Voz de Galicia, o 30 de abril de 2011.