A palabra exacta. Biografía de Lois Pereiro, de Antón Lopo

Antón Lopo
A palabra exacta
Editorial Galaxia, Vigo, 2011, 188 páxinas, 10 €

Á forza cómpre cualificar como espléndido o traballo que Antón Lopo ofrece nesta biografía de Lois Pereiro. E a argumentación que sostén a afirmación é ben simple: está extraordinariamente escrito e, por outro lado, a estrutura pola que optou para se achegar á dimensión humana do autor da Modesta proposición…. resulta igualmente exemplar.

    Ben sabido é que Lopo non se move por vez primeira nestes eidos das biografías e ese camiño percorrido beneficia indiscutiblemente a presente entrega pois, asumindo unha perspectiva que mestura con mestría unha acaída articulación técnica e estrutural coas ferramentas propias do xornalismo, consegue artellar unha proposta para que os que tivesen algo substantivo que dicir o expresen aquí, desde a súa propia e intransferible voz.

    Velaí como, logo da recreación da nominación do autor na sede da Real Academia Galega, cédese a voz a aquelas persoas, de carne e óso, que en primeira instancia nos achegan ao espazo máis íntimo do autor, ás orixes e ao período de aprendizaxe como son Inés, a nai de Pereiro, ou o seu irmán Xosé M. Pereiro. Tras eles é Piedade quen ocupa a atención da biografía nun exercicio tecnicamente exemplar no que o biográfo e a compañeira de Pereiro len e relen, comentan e puntualizan un borrador previo da transcrición dunha conversa mantida tempo atrás; capítulo, ao meu ver, que filtra aspectos da vida laboral, sentimental e persoal do autor coido que pouco visibles ata agora.

    Cunha técnica de filiación dramática é Fernando Saco quen espella un diálogo que permite rescatar fotos, libros, retallos dunha vida dun tempo afastado que agora se actualiza. Asemade, non podía faltar a presenza de Manuel Rivas -o amigo-, quen subliña a complicidade persoal contraída e mais deixa luminosas proxeccións interpretativas sobre a obra pereiriana. Aínda a continuación, neste ronsel de testemuños, se engaden as perspectivas de Inés, a irmá do poeta, perfilando con maior precisión algúns dos ángulos máis íntimos e persoais de Lois Pereiro.

    Non resulta de menor trascendencia a análise do legado literario de Pereiro a cargo de diversos especialistas como Daniel Salgado, X. Cordal, Pepe Cáccamo, Lino Braxe, Antón Patiño ou Hugo Martínez que preludian un memorable capítulo final no que Lopo reconstrúe ou reiventa unha entrevista que nunca puido chegar a facer.

    Se esta aproximación biográfica e interpretativa satisfai con creces as expectativas, resultando nalgúns treitos autenticamente emocionante e  permitindo navegar con seguridade e rigor polas augas da vida e da obra de Pereiro, non  é menos acaído o propio título, erixido xa como icona do creador que perseguiu con teimosía esa “mot juste” flaubertiana, sen nunca desprenderse dun sorriso irónico.