Sobre Jordi Sierra i Fabra: A modelo descalza

 

Hai por volta dun ano Jordi Sierra i Fabra anunciaba a publicación simultánea, en castelán e catalán algunas delas,  de tres novelas como foron  Siete días de julio, La nueva tierra e mais La modelo descalza (en Siruela). Por aquelas datas tiven a fortuna de comezar a tradución ao galego para a editorial Galaxia desta última proposta que viu a luz hai uns días baixo o título d´A modelo descalza.  A novela, protagonizada por Jon Boix, un personaxe que xa aparecera noutra novela anterior do autor –Las chicas de alambre– propón, coa atractiva e nada previsible excusa da resolución dun caso de tintes policíacos, un achegamento obxectivo, desposuído de moralina e dotado dunha evidente carga de denuncia, ao mundo das top-models, das escravitudes e abusos de todo tipo que se agochan baixo os ouropeis do éxito doado e da vida regalada. 

    A tradución engádese á significativa nómina de títulos ofrecidos no noso idioma como son, entre algúns outros,  Nun lugar chamado guerra (2002), Durmido sobre os espellos (2003),  Soidades de Ana (2007)  e Kafka e a boneca viaxeira (2009), en Galaxia; Do outro lado do espello (2007) e O meu cole (2008), en Xerais; en Planeta Oxford Contos e poemas para un mes calquera (2006) ou en Anaya, O gardián da Lúa (1994), ¡¡¡Lambertooo!!! (1995) e A nave fantástica (1996). 

    Os estratosféricos números que o autor manexa no que se refire a libros publicados e exemplares vendidos, algo que topicamente se asocia a certos lugares comúns que caen polo seu propio peso se se analizan con rigor e obxectividade as súas novelas,  converten a Jordi Sierra nun caso pouco común entre os narradores ibéricos, cunha indiscutible e auténtica lexión de seguidores. Velaquí unha oportunidade máis para achegarse á obra dun autor, en palabras do meu amigo Toni Iturbe, “arrollador en su energía y humanidad”.