Por outra banda, talvez unha das casas editoras pequenas que máis apostou tanto pola edición baixo demanda en papel como pola distribución do mesmo produto en edición dixital é Meubook, alén de que o seu catálogo xa incorporou algún título de evidente atractivo e éxito como Os paraísos eróticos, de Claudio Rodríguez Fer. Ao mesmo tempo outro selo, 2.0 editora, fundado en Ames o ano pasado, combina igualmente soportes tradicionais con outros dixitais como libros electrónicos ou dispositivos móbiles, dispondo xa de títulos traducidos ao galego de G. K. Chesterton ou Eduardo Mendoza, ademais de propostas de corte ensaístico e investigación académica, sobre tecnoloxía e empresa, comunicación e lingua e, para rematar, fotografía. O seu proxecto estrela é a edición, nun prazo breve, das memorias de Julian Assange.
Igualmente fundada en 2010 é Edicións Barbantesa, dirixida desde Sevilla por Penélope Pedreira e con xestión administrativa e técnica en Cangas do Morrazo. En pouco máis dun ano incorporou ao seu heteroxéneo catálogo un total de dez títulos con traducións e obras de autoría galega entre os que se contan autoras como Silvia Bardelás, María do Carme Kruckemberg e Berta Dávila, ou a magnífica obra de Carson McCullers A balada do café triste. Compartindo tamén xestión administrativa con Rinoceronte, un selo dedicado ao ámbito das traducións desde hai algún tempo, faise necesario citar a Edicións Morgante que pon en circulación desde estudos literarios, poemarios ou novelas de Rudyard Kipling, Calros Solla, Bernardino Graña ou Paula Carballeira.
Como “editoriais alternativas” faise necesario citar a Estaleiro Editora que, desde Compostela e sen ánimo de lucro, se erixe como un recurso editorial á marxe dos circuítos oficiais e conta xa cun catálogo, baixo licenzas Creative Commons, no que se atopan títulos de ensaio, poesía ou narrativa a un prezo moi competitivo, e de autores como Rubén Ruibal, Carlos Losada ou Alberto Lema. Neste mesmo ámbito de editoras autoxestionadas non se deben esquecer Acha Escrava, Alén Miño e Através Editora.

Baixo o título de “Los pequeños sellos editoriales (y 2) ” este texto viu a luz en castelán nas páxinas do número 165 da revista Qué leer. Reproduzo arriba a versión en lingua galega desta colaboración.