Dicionario Lois Pereiro e Lois Pereiro. A urxencia poética dun futuro alleo, de Mª X. Nogueira e M. Queixas: dous completos ensaios divulgativos

María Xesús Nogueira

Dicionario Lois Pereiro (limiar de X.L. Méndez Ferrín)

tresCtres, Santa Comba, 145 páxinas, 11 €

 

 

Mercedes Queixas Zas

Lois Pereiro. A urxencia poética dun futuro alleo

Laiovento, Ames, 87 páxinas, 12 €

Ao ronsel das publicacións que, no seo da colección “Letras dous mil…”, tres3tres vén dedicando, desde hai anos, á figura homenaxeada no Día das Letras, uniuse hai poucas datas un solvente traballo da profesora e crítica literaria María Xesús Nogueira baixo o título de Dicionario Lois Pereiro. No mesmo, a través das “voces” bautizadas como autor, creación, imaxes, obras, recolleita, recursos didácticos e sinopse, articúlase unha revisión de carácter global e divulgativa, erixida sobre un intenso traballo de documentación, arredor dunha manchea de aspectos que suscita a figura do autor de Poesía última de amor e enfermidade. Sen secundarizar o esforzo de síntese presente na primeira sección e a utilidade doutras que integran este volume salienta, ao meu ver, a completa e avisada interpretación volcada no epígrafe creación, ámbito no que a autora se beneficia do traballo de esculca e crítica realizado, desde tempos atrás, no eido da poesía galega contemporánea de xeito que desde aquí se posibilita, de maneira destacada, a derrubar certos pre-conceptos ou lugares comúns  que perviven no que é a valoración da súa obra poética e tamén narrativa. Apartados analíticos como os asuntos máis presentes na súa obra, a intertextualidade, as influencias, os ecos doutras artes ou a recepción da súa obra constitúen, en fin, elementos máis que satisfactorios para calquera lector ou lectora.

   Se iluminador resulta o anterior ensaio non é o menos o que subscribe a profesora e investigadora Mercedes Queixas baixo o título de Lois Pereiro. A urxencia poética dun futuro alleo. De feito son moi próximas as actitudes e visións analíticas entre unha e outra proposta, dominadas ambas as dúas pola intención divulgativa, como se dixo, mais tamén pola rigorosidade e por enfocar a redacción  dun texto ensaístico de maneira atractiva e fluída.  O volume de Mercedes Queixas, guiado pola precisión analítica e que se completa cunha ampla mostra textual e interxenérica de Lois Pereiro, adopta unha estrutura a través da cal se vai recalando nos distintos espazos físicos polos que aquel transitou, adoptando un criterio cronolóxico e dialogando con achegas previas suturadas con interpretacións persoais. Neses treitos -O Incio, Monforte, Madrid, A Coruña…- vaise incorporando a oportuna información arredor dos elementos máis salientables da súa biografía, mais tamén do seu traballo literario conseguindo, deste xeito, configurar unha afortunada “cartografía” que revela o que cómpre saber sobre Lois Pereiro.

Parabéns ás dúas autoras polo rigor e utilidade destes traballos que cómpre ter ben en conta para estes días que se aveciñan.