Lois Pereiro. Vida e obra
Edicións Xerais de Galicia, Vigo, 2011, 176 páxinas, 16,15 €
Chego case no límite, cando menos antes desa barreira tanxible que é o 17 de maio, a esta última biografía que publica Iago Martínez no que constitúe o seu primeiro libro. Con todo, tanto tería lelo agora ou dentro dun ano, ou dunha década, porque este é un deses libros que chegan para quedar. E non é, talvez, mala cousa chegar a este porto final, logo de abondas singraduras particulares por estes mares de papel pereirianos, felizmente exhausto e enriquecido sempre pola enxurrada de publicacións que viron a luz de e sobre Lois Pereiro estes últimos meses, pois un valora máis xustamente esta lectura aleccionadora, intensa, apaixonada e desacougante por veces, respectuosa, documentadísima e nacida desde a contida complicidade co biografado. Todo isto explica que se ofreza un traballo que non é haxiografía senón, ao meu ver, un exemplar traballo de reconstrución e reinterpretación, que mesmo se inmisce, con especial sensibilidade e afouteza, en capítulos biográficos máis delicados, alicerzando o esforzo na base documental conservada mais tamén no necesario testemuño oral.
Ao abeiro dun esquema cronolóxico, con licenzas dispositivas que resultan un acerto, quen se achegue a esta biografía verá desfilar, como non, a todo Lois Pereiro, mais tamén á práctica integridade do universo que tamén se moveu canda el, e non só as persoas de carne e óso -a familia, os amigos, Piedad…-, senón os espazos que coñeceu, as afinidades afectivas, as situacións que viviu e como as encarou mais tamén o seu mundo de lecturas, as doenzas, o sufrimento e as adiccións, as viaxes como rutas para resucitar voces e presenzas literarias, os proxectos levados adiante e aqueloutros frustrados ou a relevancia que a música, a poesía e o cinema supuxeron para a creación da súa propia obra, resultando certamente salientable o intenso e significativo labor de rastrexo e seguimento das innúmeras conexións interartísticas que se plasman na súa obra e que aquí se espellan con recorrencia.
Este libro de Iago Martínez é un traballo que escintila con luz propia, actualiza e sitúa no presente o ser humano e mais o literato que foi Lois Pereiro. Por riba conxura, de vez, o posible esquecemento.