Proceso a unha biblioteca. A persecución de Castelao a través da incautación da súa biblioteca (limiar de Avelino Pousa Antelo)
Laiovento, Cadernos nº 7, Ames, 2010, 100 páxinas, 10 €
Hai por volta de dous anos saudaba un estupendo ensaio de F. X. Redondo Abal titulado O fulgor e as tebras no que se aproximaba tanto á situación das bibliotecas en Galicia no período da II República como á súa posterior destrución e espolio acontecidos xa nos primeiros días da guerra civil.
Daquela, subliñaba algúns trazos presentes naquel traballo e que agora se reiteran con fortuna como son o rescate de numeroso documental e lexislativo da época, a exposición do contexto histórico e da normativa represiva sobre o libro e as bibliotecas que daba forma legal ao saqueo e rapina deses fondos, públicos e privados. A concepción inquisitorial das novas autoridades atopaba, así, o seu fiel espello ao abrazar expresións como emprender a loita contra ideas “nocivas”, a destrución de exemplares “inmorais” ou “perniciosos” ou a súa incautación. Nesta última liña afonda o presente ensaio sacudindo a conciencia de calquera lector ao expoñer un capítulo moi concreto desta ignominia como a que envolve á biblioteca de Castelao, incautada aos poucos do comezo da guerra civil e converténdose nun claro expoñente da intención inquisitorial e destrutora de calquera vestixio de quen era, tamén, un símbolo da Galicia republicana.
O autor ofrece, así pois, un seguimento polo miúdo do ocorrido cos fondos bibliográficos de Castelao desde a súa incautación no fogar do rianxeiro que tiña na rúa da Oliva pontevedresa. Coñecíanse, iso si, os fondos, ou parte deles a través dalgún catálogo mais todo o proceso que rodeou o saqueo sae agora á luz a través dun traballo que permite, nas propias e rotundas palabras de Redondo Abal: “esculcar na miseria moral, na sede de vinganza e na falta de piedade dos que (…) non se conformaron coa eliminación física do adversario e, como lobos ao axexo, incautaron os seus bens e propiedades”.
O volume, que recolle ademais o catálogo íntegro da biblioteca de Castelao nun anexo final, non obvia citar, con nomes e apelidos, aos que tiveron algunha responsabilidade en todo este proceso. Convido aos lectores e lectoras a que se asomen a este volume para coñecelos, mentres tanto parabéns ao seu autor porque fai da súa investigación unha lectura obrigada.