O peixe vermello (tradución de Carlos Heras)
Faktoría K de Libros, Vigo, 40 páxinas, 14 €
Saio entusiasmado da lectura deste libro para primeiros lectores. Nada sabía desta ilustradora e escritora coreano-americana, asentada en Nova York, que é Taeeun Yoo, mais esta carta de presentación resulta a todas luces extraordinaria.
O peixe vermello, que nos chega en lingua galega mercé á tradución de Carlos Heras, entusiasma porque harmoniza, case diría que con contención e sabedoría oriental, imaxinación e maxia, bibliofilia e unha intención simbólica e metáforica solventada con sensibilidade e alto efectismo.
A autora gaña, desde a primeira páxina, a complicidade do lector adulto, e estou certo que tamén do que non o é, trasladándonos a un espazo que se sitúa nun ámbito de fronteiras esvaecidas entre o real e o fantástico. Nese espazo achamos unha biblioteca dentro dun bosque, un avó encargado dunha biblioteca, un neno, moitos libros e mais ese peixe vermello que resulta o fío condutor de todo o relato. A prosa breve, directa e posta ao servizo do máis necesario e esencial que se ten que contar, chega a desaparecer tanto para propiciar o seguimento imaxinativo e participativo de quen le e ve como para centrar o foco de interese na forza das ilustracións, tanto ou máis expresivas, aquí, que as propias palabras.