Máis Lois Pereiro (ensaios, novidades e outros)

O suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia ofrece hoxe unha entrega monográfica centrada en Lois Pereiro. Nestas páxinas inclúo unha revisión crítica -moi breve- arredor dos libros de corte ensaístico, divulgativo e biográfico publicados nos últimos meses, ademais dalgunha outra referencia a pezas narrativas ou de ensaio que se recuperaron. Cando redactei este balance aínda non chegara ás miñas mans Transgresión e fraxilidade. Un retrato literario de Lois Pereiro, que subscribe Miguel A. Mato Fondo en Laiovento, e que me parece unha lectura moi interesante arredor da produción literaria pereiriana polo pouco que puiden ler. Sei que aínda está a piques de ver a luz o libro-homenaxe que o departamento de Filoloxía Galega da USC publica anualmente e mais, en versión papel editada por Xerais, outro volume que se presentou este pasado día 12 de maio na Universidade de Vigo. E non queda aí a cousa: en poucos días aparecerá un libro do ilustrador Jacobo Fernández que vén precedido duns gabanciosos comentarios e, por último, sei polo propio Antón Patiño que aínda publicará, proximamente e en Espiral Maior, outro ensaio complementario ao seu primeiro Radiografía do abismo no que o fío serán as conversas con Fernando Saco. Velaí como o Vento Lois, sen pausa, segue a soprar. 

Reproduzo aquí unha parte da introdución ao meu artigo de hoxe:

“Cómpre remontarse á celebración dalgún Día das Letras de hai certos anos para advertir a puxanza no número de publicacións, probablemente como un correlato natural e parello á intensa axitación cultural que esta convocatoria vén provocando en forma de multitudes de actos e eventos. Explícase así tanto a salientable cantidade de traballos publicados nos últimos meses arredor da obra e da biografía do autor homenaxeado -e son dos que pensa que ningún está de máis pois a pluralidade de perspectivas permite obter sempre unha visión global máis ricaz-, como a cualidade destas achegas que, ademais, veñen da man dunha fornada de investigadores e especialistas caracterizados pola súa mocidade. Este trazo enténdoo como unha indubidable e renovadora refolada crítica, tanto no que se refire a puntos de vista analíticos exhibidos como a unha precisa sensibilidade para comprender e difundir, neste caso, unha presenza como a de Lois Pereiro que, desta vez, reaparece para ficar a través destas páxinas que perdurarán na memoria dos lectores”.