Breviario, en Biblos nº 50

 

1. Non son moi afeccionado ás efemérides pero chamoume a atención que en xaneiro deste mesmo ano se cumprían cincuenta anos do falecemento de Dashiell Hammett, sen dúbida un dos grandes dun xénero que, cando menos en min, deixou como imperecedoiros na memoria os nomes de Sam Spade, Nick e Nora Charles ou títulos como Colleita vermella ou O falcón maltés, que piden xa unha tradución á nosa lingua.

 2. Sinalo todo isto porque se engaden arestora a esta tradición algúns títulos como son a ópera prima de Xosé Manuel García López, que inaugura con Pegadas nun labirinto baleiro a súa presenza como narrador e, ao tempo, abre os camiños a  un novo investigador vigués  chamado Amador Ribeiro; a este libro súmase a proposta dun dos autores máis destacados do xénero como é Miguel Anxo Fernández que, con Lume de cobiza,  recupera de novo a figura do detective Frank Soutelo nun texto pragado de cinefilia e con grandes doses de retranca; por último, chega unha novela da man do poeta e narrador pontevedrés Domingo Tabuyo quen, ao que parece, realiza un xiro, non sei se copernicano, respecto das anteriores mostras literarias que se coñecían ata hoxe.

   Sen dúbida son excelentes noticias estas novelas que se veñen a engadir, estou convencido que con dignidade e acerto, a unha nómina de creacións que cada vez máis van alén da intriga puramente policial asomándose a outro tipo de intrigas e esquemas como ben amosou o Asasinato no Consello Nacional de Diego Ameixeiras, significativamente premiado hai pouco pola Federación de Libreiros. A tradución recente ao castelán doutro título deste autor –Dime algo sucio, en versión de Carme Pereiro para Pulp Books- ou a proxección internacional  das novelas de Domingo Villar testemuñan que os nosos narradores de novela negra, alén de fidelizar a moitos lectores entre nós, manteñen un alto nivel de esixencia cada vez máis recoñecido.