Lois Pereiro. Náufrago do paraíso (e 2), de Marcos Calveiro

 

Marcos Calveiro

Lois Pereiro. Náufrago do paraíso

Edicións Xerais de Galicia, Vigo, 2011, 160 pp., 10,70 €

 

Tamén Marcos Calveiro revisa vizosamente os aspectos vitais e literarios de Pereiro adoptando unha estrutura ben orixinal  que permite perfilar, con espírito divulgativo e alta sensibilidade, todos os ángulos, mesmo aqueles menos espallados ou espiñentos, do biografado.

Así pois,  a través de vinte e dous breves capítulos articulados coma se fosen outras tantas escenas dun inventado guión cinematográfico, construído con axilidade e alto poder comunicativo, o autor gaña certo distanciamento respecto da material exposto para reconstruír e describir momentos e situacións claves do universo Pereiro; especialmente afortunados, por emocionantes, os que tira do faiado da memoria familiar: esas “torres que o sostiveron” e que dalgún xeito Calveiro proxecta con limpeza no seu libro, engadindo unha cronoloxía e unha breve e significativa escolma poética do autor.

 

No suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia publiquei o pasado 14 de maio unha panorámica sobre algunhas publicacións “de” e “sobre” Lois Pereiro. Na que arriba reproduzo, titulada “Escenas dun guión vital”, ofrezo con maior brevidade a miña lectura deste volume, ao que me achegara máis extensamente tempo atrás.