Lois Pereiro. Vida e obra (e II), de Iago Martínez

 

Iago Martínez

Lois Pereiro. Vida e obra

Edicións Xerais de Galicia, Vigo, 2011, 176 páxinas, 16,15 €

    

     Velaquí o primeiro libro de Iago Martínez, quen erixe unha proposta que escoa a empatía precisa co biografado xunto cun claro acerto no esquema compositivo. Quen se achegue a este volume reparará en como é posible reconstruír o percorrido vital e literario de Pereiro desde as instancias do oceánico coñecemento que o biógrafo posúe, sobre todo o que el escribiu, mais tamén arredor dos seus pasos, das súas actitudes,  case do seu pensamento. Non deixa o autor, paréceme, físgoa ningunha pola que non axexar nin así interpretar o universo Pereiro, constituído pola figura humana mais tamén por esa enorme arañeira intertextual que é a súa produción literaria, tan entreverada, e aquí fica exemplar mostra diso, coa Música, coa Literatura e coa Vida con maiúsculas.

No suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia publiquei o pasado 14 de maio unha panorámica sobre algunhas publicacións “de” e “sobre” Lois Pereiro. Na que arriba reproduzo titulada “Carta de presentación” reviso, outra vez aínda que necesariamente con maior brevidade, algúns dos méritos deste traballo.  Aproveito a oportunidade para engadir, ao fío dalgúns comentarios en posts anteriores, que os traballos da totalidade de autores e autoras que se achegaron á figura de Lois Pereiro defenden, ao meu ver, a súa alta cualidade por si sós e demostran, por si mesmos e ben ás claras, que quen falan de oportunismo e cousas semellantes simplemente teñen unha óptica desenfocada respecto das dinámicas e sinerxias xeradas polo Día das Letras desde hai ben de anos.