Dióxenes e Miguel Hernández. 25 poemas ilustrados: premios nacionais de edición 2010

Esta mesma semana fíxose público o fallo dos premios nacionais (estatais) de edición 2010. A editorial Kalandraka resultou galardoada con senllos terceiros premios: Miguel Hernández. 25 poemas ilustrados, na categoría de Libro de Arte e mais Dióxenes (na súa versión castelá) na de Libro Infantil. O certo é que o recoñecemento resulta unha satisfacción pois ambos os dous son libros creados por unha editorial galega e producidos no noso sector de artes gráficas.  Parabéns, pois, aos responsables destes requintados e fermosos libros.

Neste Caderno da crítica ocupeime non hai moito do libro de poemas ilustrados de Miguel Hernández e aquí deixo o enlace para quen lle interese. Ao tempo, hai agora por volta dun ano publiquei unha breve recensión de Dióxenes que, revisada, reproduzo aquí:

 

Pablo AlboPablo Auladell (tradución Carlos Acevedo)

Dióxenes

Kalandraka,  Pontevedra, 48 pp., 13 €

A síndrome de Dióxenes, como é ben sabido, cualifícase como un trastorno do comportamento que, polo xeral, afecta a persoas de avanzada idade que viven sen compañía, acumulando, nunha sorte de illamento social, todo tipo de cousas. Inspirado nos efectos desta doenza Dióxenes foi galardoado co Premio Lazarillo 2008 de creación literaria e o seu autor, Pablo Albo, que xa publicara en Faktoría K o título Melena, consegue a través dunha linguaxe sinxela, en ocasións case minimalista mais non exenta de lirismo, construír un fermoso relato baseándose na afección indisimulada e reiterativa que o protagonista ten de coleccionar cousas. Mais velaquí como se subverten os patróns da enfermidade pois non se rastrexa abandono persoal nin familiar;  non hai illamento nin se descoida a hixiene ou a limpeza; non se subliña o peso determinante da soidade nin a vinculación con hábitos propios de persoas maiores: tan só vai agromando un comportamento singular, e colectivo, pois Dióxenes conta cunha familia –os seus pais, a súa irmá, o seu irmán pequeno, os seus avós…- que comparte con el esta tendencia. Con estes vimbios, e unha enorme carga fabuladora, que por veces beirea o absurdo e por outras se interna no eidos da tenrura, somos quen de ver as cousas e os sentimentos máis alá do anecdótico, conseguíndose así desacralizar os efectos e consecuencias da doenza con humor e imaxinación. Capítulo á parte constitúen as acaídas ilustracións de Pablo Auladell, nese fantástico medio camiño, se o hai, no que se aboia entre o real e o imaxinativo.

(Foto: Pablo Albo á esquerda e Pablo Auladell á dereita)