M. Forcadela e C. Noia (coords.)
Cara a unha poética feminista. Homenaxe a María Xosé Queizán
Edicións Xerais de Galicia, Vigo, 2011, 320 páxs., 19 €
Non vou negar que moito me gustaría contarme entre os que lle tributan, a través das páxinas deste volume, un merecido recoñecemento ás distintas dimensións que amosa a traxectoria dunha escritora tan polifacética e suxestiva como é María Xosé Queizán. Con todo, consólame saber que formo parte dun grupo de persoas que, dun ou doutro xeito, quixeron estar malia non ser posible.
O libro, así pois, concíbese desde a perspectiva dos editores como unha achega a unha homenaxe máis ampla que a escritora merecería e organizada desde as instancias do diálogo “coa súa obra literaria e coa súa posición feminista a través de diferentes aparellos analíticos”. Desde xeito, alén dun interesante, e nalgunha medida novidoso, corpus fotográfico distribuído ao longo de todo o libro, son numerosas e moi heteroxéneas as colaboracións que afondan en asuntos que rodean, ou rodearon, os distintos focos de interese ideolóxico, literario ou político da Queizán. Velaí como, no primeiro apartado titulado “Estudos de crítica”, se articula a abordaxe analítica de títulos concretos da autora que foi espallando no seu percorrido como poeta, narradora, ensaísta ou directora dunha revista tan fundamental como é a Festa da Palabra Silenciada; ademais de acoller outras colaboracións, de vontade máis xeneralista ou global, que asedian aspectos como o seu pensamento ou as ousadías sexuais na súa obra, a carón de análises de fondo filosófico ou verbo do seu pensamento feminista, sen esquecer algunhas outras achegas que presentan motivos que xulgo próximos ou queridos á autora.
Igualmente atractivo resulta o segundo bloque deste libro no que se inclúe unha biografía actualizada da autora de Sentinela, alerta, xunto cunha bibliografia de e sobre a autora, de consulta obrigada desde agora para calquera investigación ulterior. Finalmente, engádense dúas reveladoras entrevistas, ao que parece unha delas anticipando un traballo maior, nas que se deitan datos, reflexións e referencias de interese xeral, nalgún caso descoñecidas ou escasamente tratadas.
Un derradeiro apartado, epigrafado “Testemuñas e homenaxes”, recolle un feixe de pequenos artigos ditados, maioritariamente, pola emoción e os afectos. Afectos que, desde aquí, traslado á autora a través da lectura deste recomendable libro.
Baixo o título de “María Xosé Queizán en estado puro” este texto publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 21 de maio de 2011.