Animal abismo, de Diana Varela Puñal

 

Diana Varela Puñal

Animal abismo

Espiral Maior, Culleredo, 2010, 69 páxs., 14  €

 

Achégase Diana Varela Puñal, por segunda vez tras o poemario Fíos (2008), ao universo da poesía galega e faino con Animal abismo, unha proposta publicada xa hai algúns meses.  Tal e como confesa a autora nunhas páxinas limiares a xestación do poema orixínase nun proceso de reflexión do “ser con vida”, sexa este cal for. A idea, que talvez a priori poida semellar banal, cobra cabal sentido se, en determinados momentos, reparamos nos motivos polos que xustamente esta realidade xa non nos sorprende nin impacta.

Escrito, así pois, como un “canto á natureza” e mais como unha “homenaxe á alma animal” articúlase baixo a vontade de retornar a un estadio inicial ou primixenio, para o que cómpre percorrer un roteiro acumulativo que resulta operativo para estruturar o poemario que  vai desde o “limbo” -lugar no que repousaría a conciencia inicial-, pasando polo “delirio” -onde se reflicte a loita na soidade por coñecer desde o abismo- até o “Endimion” -espazo en que converxen o amor, a carnalidade e mais a reconciliación con un mesmo-.

Velaí como, a través destas propostas poéticas nada gratuítas, extraordinariamente cargadas de filosofía, de pensamento e de intención desveladora,  iníciase un percorrido oximórico, un itinerario co obxectivo de volvermos a aqueles tempos e espazos tan recuados que non se ten conciencia deles e procurar naquelas coordinadas o ronsel que a deshumanización foi deixando para que a través das súas pegadas poidamos situarnos, outra vez, neses lugares que teimamos, unha e outra vez, en ameazar e destruír: naquela tábula rasa que simbolizaba un estado igualitario entre nós e a condición animal, entre a condición animal e nós(outros).