Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Vivir, unha aventura irrepetíbel. Biografía de Mª do Carme Kruckenberg, de Mercedes Queixas Zas

vivirMercedes Queixas Zas Vivir, unha aventura irrepetíbel.  Biografía de Mª do Carme Kruckenberg Galaxia,  Vigo, 2011, 268 páxinas, 19 €

Abro este libro ao chou e atópome cunha marabillosa síntese da figura de Mª do Carme Kruckenberg que sen dúbida debería, como a min me ocorreu, facer moito por internarse polas súas páxinas: “sosegadamente meditativa, orgullosa do vivido, lectora voraz, conversadora locuaz, declamadora solemne e activa sempre, para a vida e a para a literatura”.

         Tras o lido, medran as expectativas e debrúzome neste traballo de Mercedes Queixas aínda con maior interese, tanto pola seriedade e rigor que a súa autora veu deixando en numerosos traballos anteriores como pola curiosidade que me suscita a figura da Kruckenberg, prolífica e orixinal escritora, sempre próxima a quen se achegar a ela, de actitude discreta e elegante, mais posuidora de rotundas conviccións que configuran unha personalidade moi independente. E abofé que non saio decepcionado da lectura deste Vivir, unha aventura irrepetíbel, máis ben todo o contrario. Queixas sabe tirar intelixente partido de todo o que vive na lúcida memoria da escritora viguesa –sustento primordial desta biografía na que só boto de menos un índice onomástico que lle outorgaría maior utilidade- pois, desde as instancias do exquisito respecto ás evocacións confesadas, estrutura e distribúe acaidamente todo o material obtido, aplicando un criterio cronolóxico, contextualizando con acerto afirmacións e datos que precisan algunha aclaración e rescatando fragmentos epistolares, xornalísticos ou composicións poéticas, nalgún caso inéditas, que iluminan necesariamente aspectos que así o demandan.

         Mais, alén de recoñecer o acerto da biógrafa, este volume serve para rescatar merecidamente e pór ao día o percorrido vital, cultural  e literario dunha das voces pioneiras e máis singulares do nosa lírica última. Quen se achegue ao volume descubrirá ou redescubrirá unha traxectoria persoal que avanza de mans dadas coa literatura,  entrelazándose ou harmonizándose ambas dimensións con naturalidade para coñecer a sombra protectora do pai liberal e culto, a liñaxe familiar, a experiencia vital da guerra, o amor e a maternidade, as viaxes e o devezo por coñecer, a participación en tertulias, as viaxes e lecturas e ese amplísimo abano de amizades, nalgúns casos encontros ocasionais ou máis duradeiros, cunha parte substantiva de escritores e artistas significados aquén e alén do océano…, entre os que me permito salientar as de Alberti, Seoane ou Lorenzo Varela, alén do relato dos dous emotivos encontros con Castelao.

         Capítulo á parte merece o protagonismo que adquiren as súas achegas literarias, tanto en castelán como en galego, e que se analizan desde o seu proceso de xestación, pasando pola intención cos que foron ideadas ata recepción das mesmas, co que dalgún xeito se reivindica colectivamente a presenza e importancia dos autores e autoras da denominada xeración dos 50.

         En definitiva, unha operativa e acaída reconstrución biográfica en clave literaria que se erixe como unha achega moi necesaria para coñecer e recoñecer alguén que realmente o merece.

Este texto publicouse baixo o título de “Merecida e valiosa biografía” nas páxinas do suplemento Culturas de La Voz de Galicia, o 28 de maio de 2011.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: