Despois da medianoite, de Salma (avance sobre o libro)

Camiña entre nós, estes días, a escritora de orixe india Salma, por invitación de Implicadas no desenvolvemento, da que se vén de publicar en lingua galega Despois de medianoite, unha aposta de Edicións Xerais por visibilizar unha escritora que camiña moi ás marxes de circuítos comerciais ao uso, mais cuxa carta de presentación é unha intensa, voluminosa e para min xa imborrable novela. Cunha innegable forza narrativa e unha crueza, por veces, estarrecedora, nela desvélanse as claves operativas para entender tanto o universo dunha sociedade tan afastada como a india, pero ao tempo tan próxima, afondando na idiosincrasia dun mundo no que se entra e non se pode ser quen de saír indemne. Da lectura global da novela, exposta en clave crítica e abertamente feminista, ocupareime, en datas vindeiras, nesta mesma bitácora.

Desde aquí só quero compartir a miña satisfacción por ter nas mans a primeira tradución que ve a luz, logo dunha versión en inglés, dunha proposta que chega mercé á tradución de María Reimóndez, talvez polémica pero que entendo como asisada e cabal, resultado dun longo período de traballo como é doado constatar.

Desta novela pódense ler o primeiro capítulo e o limiar da tradutora premendo aquí. Ademais, Salma  participará en diversas presentacións do seu libro: en Santiago o día 1 de xuño e  o xoves 2 presentarase en Vigo, ás 20:00 h. na Libraría Librouro, ademais de protagonizar outras actividades. Coido que é unha oportunidade inmellorable para asomarnos, desde nós mesmos, a outros mundos, literarios ou non, que tamén están aí e dos que sempre hai algo que aprender.