O triángulo escaleno, de Xosé Agrelo Hermo

 

Xosé Agrelo Hermo

O triángulo escaleno (limiar de Xerardo Agrafoxo e Euloxio R. Ruibal)

Toxosoutos, col. Esmorga (teatro), Noia, 2001,  62 páx., 10 €

 

Na entrega de premios anuais que a Asociación Galega de Editores celebrou hai uns meses na cidade de Lugo un dos editores que recibiron unha merecida homenaxe foi, precisamente, o autor desta peza teatral, inédita ata agora, e que Toxosoutos edita na súa colección A esmorga-Teatro; á que xunta, por certo, a publicación d´O espantallo, con ilustracións de Pepe Carreiro.

         Nesta liña de perseverar na lembranza de Agrelo O triángulo escaleno  prológase, ademais, por dúas voces que afondan nalgunhas dimensións destacables tanto do propio autor como da súa obra teatral en xeral e desta peza en particular.

         O primeiro limiar vén da man de Xerardo Agrafoxo, que subliña o papel que desempeñou Agrelo como iniciador dunha aventura teatral propia baixo o nome de “Grupo de Teatro Candea”, realizando asemade un seguimento das intencións do mesmo e das pezas estreadas, tendo en conta o contexto social e político desfavorable no que esta se xestou e desenvolveu, remarcando globalmente os trazos definitorios das pezas levadas a escena como foron a súa sinxeleza, a nada oculta mensaxe política e a firme defensa do idioma galego.

         Pola súa parte, Euloxio R. Ruibal, para quen Agrelo foi un “completo home de teatro” na súas facetas de director, intérprete, promotor e autor, analiza polo miúdo as pezas teatrais coñecidas ata hoxe como son Noite de lobos, Metá e metá, O mestre, aqueloutras que incardina no ámbito do teatro infantil e, loxicamente, os trazos caracterizadores da presente O triángulo escaleno.

         Unha lectura da peza edita desvela axiña as claves da peza como son o asunto temático inclinado cara ás vertentes das relacións amorosas e sentimentais, expostas de xeito desinhibido e sen tabús,  a intensa carga irónica nas situacións descritas, a superación de tópicos ou preconceptos e, ao tempo, os límites da liberdade individual e colectiva. Por outro lado, a verosimilitude das situacións expostas a carón da innegable fluidez dialogal que domina esta achega, teño para min, resultan algúns dos aspectos máis conseguidos da obra merecidamente rescatada e que pon a figura do seu autor, de novo, de actualidade.

 

              (Foto: Xosé Agrelo)