Resultoume unha experiencia moi grata, e mesmo emotiva, poder coñecer á autora támil Rokkiah, que adoptou o nome literario de Salma. Escoitar o támil, esa lingua milenaria coa que titulo o post (con certeza erroneamente), e mais dialogar con ela logo de poder ler esa intensa e desacougante novela que é Despois da medianoite, e que tan acaidamente deseña un universo do que non saes, non podes saír, nunca, indiferente pois proxéctase con forza desde o particular ao universal e pertence ao grupo desas propostas, raras por escasas, que envolven mainiño ao lector, á lectora, sen soltarte até o final.
Beizóns a Xerais pola súa publicación e a María Reimóndez por posibilitar lermos este libro na lingua galega e por responsabilizarse, a través de Implicadas, das singraduras da observadora Rokkiah, a das profundas conviccións que tan diafana e artisticamente traslada ao papel, unha muller de quen diría que parece rodearse dunha auréola conformada por un substrato de resistencia que semella distanciamento, mais que esfarela deseguida cun sorriso escintilante. Tomara que poidamos ler, axiña, outras novas achegas na nosa lingua.