Mary Wollstonecraft Shelley e a súa criatura artificial, de María Xosé Queizán

 

María Xosé Queizán

Mary Wollstonecraft Shelley e a súa criatura artificial

Xerais, Vigo, 158 páxs., 17 €

Achegueime con interese a esta proposta de María Xosé Queizán, tanto por poder dispor, unha vez máis, da oportunidade de transitar pola fluidez e indiscutible pulsión literaria dunha das nosas mellores ensaístas como pola ocasión que supón para profundar nas dimensións biográficas e literarias  de Mary Wollstonecraft Shelley,  a creadora do Frankenstein orixinal, obxecto por outra parte de numerosas distorsións debido ás innúmeras versións de carácter cinematográfico que se realizaron desde o século XX ata hoxe.   

         Non dubido en cualificar como  brillante o resultado global do ensaio pois a autora combina a exposición de datos empíricos, que proveñen do manexo dunha  inxente cantidade de documentación e lecturas que se van incorporando con enxeño –cartas, notas, avisos, fragmentos de ensaios, poemas…-, cunha prosa ricaz que, interpelando a conciencia de quen le con numerosas preguntas, acada un rexistro que, a meu entender, cumpre as características precisas para obter un amplo espectro lector.

         Este atractivo advírtese xa desde as primeiras páxinas nas que, empregando recursos propios dunha novela, coñécese un feito clave no modelado intelectual e humano da escritora como son os momentos previos ao suicidio frustrado da súa nai, Mary Wollstonecraft, quen tanto influíu nela en moi diversas facetas e que foi a responsable da Vindicación dos dereitos da muller, un texto fundacional do feminismo moderno.

         De aquí en diante, esparexendo acaídas notas de carácter contextual que falan da sociedade, a literatura, a economía e a política deste tempo, vai construíndose a biografía da autora do Frankenstein, que se alicerzou sempre no racionalismo ilustrado alentando no contexto romántico; unha biografía marcada adoito por sucesos de carácter tráxico. Velaí, así pois, como se deseña a súa vida familiar ou a formación académica e literaria que gozou, proxectada nunha muller que exhibiu unha personalidade afastada  dos convencionalismos da sociedade vitoriana, como se amosa en determinados xestos da súa actitude vital ou naquelas vivencias máis persoais, entre as que non faltan capítulos de xorne autenticamente aventureiro, a carón das que reparan nas dificultades ou dramas vividos, nas ausencias ou presenzas experimentadas ou, por citar algún outro fragmento destacable, o que se nuclea arredor do seguimento dos lugares e países visitados e aquelas páxinas que se ocupan da súa relación co poeta Shelley e coa figura paterna.

         E nun momento dado a autora conduce o ensaio a augas nas que prima a valoración literaria, internándose na xénese do “novo Prometeo” da escritora británica para o que ofrece unha lectura que repara nas claves da estrutura da obra, na relevancia desa obsesión que amosou pola creación de vida artificial autónoma ou no rastrexo das posibles influencias que exerceron un papel relevante na concepción da mesma como son os adiantos científicos da época, alén dun asunto central, que xa ocupara algunhas páxinas doutros libros da ensaísta viguesa, como é a reflexión sobre a maternidade.

         Unha mostra máis, teño para min, da vitalidade dun xénero como é o do ensaio galego, sempre tan necesario e de indiscutible e celmosa proxección universal.

 

Este artigo publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 4 de xuño de 2011.